Unha rolda sur-oeste de 12 millóns de euros busca sacar o tráfico pesado do centro de Ordes

A Xunta avanza na construción da futura rolda sur-oeste de Ordes, unha nova circunvalación chamada a aliviar o paso de vehículos polo casco urbano e a mellorar a seguridade viaria. A actuación, cun investimento previsto de 12 millóns de euros, terá unha lonxitude aproximada de 2 quilómetros e conectará a estrada estatal N-550 coa vía autonómica AC-413, desviando parte do tráfico que hoxe atravesa o centro da vila.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, trasladou en Ordes o estado da tramitación do proxecto nun encontro no que tamén participou a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e ao que asistiron alcaldes da comarca. Segundo explicou, o Consello da Xunta aprobou o 26 de xaneiro a aprobación provisional do trazado e, desde o 9 de febreiro, o documento está sometido a información pública.
O prazo para presentar alegacións permanecerá aberto ata o 23 de marzo, un período no que administracións e veciñanza poden formular achegas sobre a concepción global da actuación.
A nova rolda pretende afastar do núcleo urbano o tráfico pesado e ordenar accesos a puntos especialmente sensibles, como o IES Maruxa Maio, o tanatorio e o punto limpo, reducindo ruído e molestias e mellorando a convivencia entre peóns e vehículos. O proxecto incorpora tamén unha senda peonil e ciclista, ademais de medidas para garantir unha iluminación axeitada.
Allegue expresou a súa confianza en que o Ministerio de Transportes facilite o desenvolvemento da variante, ao entender que parte do tráfico desviado deixará de circular pola N-550 ao seu paso por Ordes, unha vía que a Xunta cualifica de ‘moi deficiente’ nese tramo. A conselleira enmarcou esta infraestrutura nunha mellora de conexións que tamén mira á comarca, con impacto nos concellos de Tordoia, Trazo, Frades, Mesía e Cerceda.