Unha parcela en As Brañas converterase no único aparcadoiro de rotación de Sada

Unha empresa con sede en Sada porá en marcha nas vindeiras semanas un aparcadoiro público de pago na parcela do Plan Parcial de As Brañas, SAU 2, situada entre a rúa Cambre e o río Fontoira, con acceso desde a Avenida da Coruña. O terreo, de 1.900 metros cadrados, fora adquirido en xuño nunha poxa xudicial e, malia estar destinado a equipamento comercial, manterá a función de estacionamento que xa tiña baixo convenio cos anteriores propietarios.
A parcela, que ata agora se utilizaba sen pavimentar e tiña capacidade para uns 80 coches, será acondicionada cun peche vexetal en madeira e contará con barreiras automáticas de entrada e saída. A instalación técnica correrá a cargo dunha empresa especializada con tres décadas de experiencia e presenza en máis de 45 países. A compañía promotora xa colocou carteis informando aos condutores da necesidade de baleirar o espazo a partir deste luns ás 8.00 horas para iniciar as obras, ás que aínda se lles sumará a autorización do Concello de Sada e o informe preceptivo de Augas de Galicia.
En canto ás tarifas, haberá dúas modalidades: estacionamento rotatorio e abonos mensuais. Os abonos fixaranse en 60 euros, mentres que as tarifas por uso variarán entre os 0,10 euros por hora en horario nocturno (de 22.00 a 08.00) e 1 euro por hora, a máis cara, durante a fin de semana.
Actualmente, en Sada só existe outro aparcadoiro público, no hotel, mais funciona baixo reserva e sen parquímetro. Os prezos varían segundo a duración do contrato: 75 euros ao mes no plan trimestral, 65 no semestral e 55 no anual.