Unha nova edición de Mostrart 2025 regresa á Coruña cun mes enteiro de artesanía no Cantón Pequeno

A Coruña volverá converterse este verán no epicentro da artesanía galega e estatal coa celebración da 41ª edición de Mostrart. A cita terá lugar do 1 ao 31 de agosto, mantendo a súa esencia aberta e urbana, pero cun pequeno cambio de localización: este ano trasladarase ao lado do Cantón Pequeno, dentro dos Xardíns de Méndez Núñez.
A inauguración oficial está prevista para o venres 1 de agosto ás 12.00 horas cun percorrido polas casetas encabezado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada doutras autoridades. O acto contará co presidente da Asociación Galega de Artesáns, José Manuel Salvado Sanín, como mestre de cerimonia.
Nesta edición participarán máis de 60 obradoiros artesáns, repartidos en 43 casetas ao longo do mes. Do total, 51 son galegos e 11 proceden doutras comunidades autónomas, consolidando Mostrart como un espazo diverso e de calidade, onde se expoñen técnicas e propostas de diferentes puntos do Estado.
A programación inclúe actividades complementarias para poñer en valor os oficios artesáns. Volverán os “Oficios ao Sol”, que terán lugar os luns e martes, grazas á colaboración da Deputación da Coruña. Como novidade, este ano engádese a iniciativa “Mostrart ao Vivo”, que se celebrará os mércores e xoves, coa participación de profesionais que abrirán os seus procesos creativos ao público. Esta proposta conta co apoio da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia. A inscrición para estas actividades realizarase de maneira presencial na caseta de información da feira.
O cartel deste ano, obra do colectivo Cestola na Cachola, rende homenaxe á cestaría, un dos oficios tradicionais máis emblemáticos de Galicia. A ilustración central, que representa unha figura feminina en actitude de cantar, é unha referencia directa ás cantareiras, protagonistas do Día das Letras Galegas 2025.
A feira está organizada pola Asociación Galega de Artesáns, en colaboración co Concello da Coruña, a Fundación Pública Artesanía de Galicia, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, e busca ofrecer unha experiencia gratuíta e aberta para todos os públicos no corazón da cidade.