Unha loita e compromiso constante pola igualdade: 20 anos da Asociación Elas de Bergondo

ACoruñaXa
Falamos con Carmen García Fernández, presidenta da entidade, para coñecer a traxectoria e os retos desta asociación
elas-bergondo
15 Jun 2025

Por Amanda Fernández

A Asociación Elas cumpre vinte anos de traballo constante a prol da igualdade desde Bergondo. Falamos con Carmen García Fernández, presidenta da entidade, para coñecer a traxectoria e os retos desta asociación feminista que naceu no ano 2005 e que hoxe continúa sendo referente na loita polos dereitos das mulleres, especialmente no eido local.

A través de obradoiros, campañas, colaboracións con outras entidades e unha forte presenza na vida comunitaria, Elas aposta pola visibilidade, a formación e o empoderamento das mulleres, sen esquecer a importancia de tecer redes e fomentar a a participación cidadá.

Cal é a misión principal da Asociación Elas e como foron as súas orixes?

Elas é unha asociación feminista, proigualdade de dereitos da muller, de Bergondo (A Coruña). Naceu no ano 2005 para fomentar a integración da muller en tódolos ámbitos a través da igualdade de oportunidades.

Nos nosos inicios Elas foi fundada por unha mestura de, por un lado, veciñas dos Concellos de Sada, Bergondo e Betanzos e, por outro, técnicas de varios concellos da comarca e do Consorcio das Mariñas. Pensamos que iso contribuiu a que Elas sempre tivese unha moi boa relación coas diferentes Administracións e organismos: Concellos, Diputación da Coruña, Consorcio das Mariñas. etc. Admitimos tanto socias como socios, o que nos diferencia da maioría de asociacións feministas.

Cantos anos leva activa a Asociación e que logros destacaría desde a súa fundación?

Precisamente, este pasado seis de xuño, foi o 20 aniversario da nosa fundación. Estamos de noraboa e pensamos celebralo no vindeiro outubro. En canto aos logros, cumprir 20 anos xa é un logro importante. Iso fala, pensamos, da constancia no noso compromiso feminista; da perseverancia no traballo, silencioso moitas veces, porque somos unha pequena asociación dun lugar tamén pequeno e iso, ás veces, dificulta o ter moita repercusión.

A aplicación do principio de “participación” é algo que tivemos sempre moi presente; para sumar, aportar, traballar, tamén aprender, sempre desde unha perspectiva de xénero, cos lentes violetas postos. É moi importante que as mulleres ocupemos o espazo público.

Estes anos, participamos activamente nos principais organismos da nosa comarca desde a súa creación. Elas forma parte, tanto do GDR 23 “As Mariñas-Betanzos”, como da nosa Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, desde os inicios. Tamén formamos parte e participamos no GALP (Grupo de Acción Local Pesqueiro) “Golfo Ártabro Sur”. Somos parte da Mesa do Sector Social, Sección Muller e aportamos ideas, propostas, proxectos e difusión para aumentar a visibilidade das mulleres do mar da nosa comarca.

Como outras participacións nestes anos destacamos: na Axenda 21 no seu día, na Plataforma do Consorcio das Mariñas, no Programa de igualdade “Compartimos Plan” da Diputación da Coruña; tamén fomos convidadas a unhas Xornadas Formativas da “Mesa Local contra a Violencia de Xénero” do Concello de Bergondo, e formamos parte do Consello Veciñal do noso concello tamén.

Algo no que queremos facer fincapé porque foi novidoso no seu tempo, foi un éxito de participación, son as “Xornadas sobre Violencia de Xénero” que organizamos desde Elas, en novembro de 2008, en Bergondo. Houbo ponencias e houbo debate, e isto último o consideramos importante.

"Se non vas a unha actividade, non saes e quedas illada. Hai que romper con iso"

En que ámbitos traballa actualmente Elas para promover a igualdade de xénero?

Elas está isncrita no REMAV (Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais) de Bergondo coma asociación social. Centrámonos no social, na loita pola igualdade, na defensa dos principios feministas, e en facer comunidade, traballar polas nosas veciñas.

Que tipos de actividades ou obradoiros realiza a asociación?

Hai actividades que son máis de lecer, por dicilo así, para crear espazos e tempos onde as mulleres, as veciñas, nos poidamos xuntar, compartir e facer comunidade. Poden ser pintura, ioga, zumba, repostería, uso do móbil, etc. Isto é importante, nun concello disperso coma o noso, onde as veciñas se atopan, principalmente, nas actividades. Se non vas a unha actividade, non saes e quedas illada. Hai que romper con iso. A dispersión do territorio é un problema; non somos un Concello moi, moi rural; pero, disperso.

Despois hai actividades e obradoiros que teñen que ver máis co tema da igualdade, da muller, por exemplo: o ano pasado houbo un obradoiro sobre menopausia, desde a perspectiva de xénero; un obradoiro de Autocoidados para coidadores, que nos ofreceu a Federación Galega de Dano Cerebral porque o 90 % somos coidadoras, ainda os coidados están ligados á muller; a Asociación Airiños, ofreceunos tamén unha charla sobre Muller Transplantada, porque sempre hai dúbidas ao respecto; por exemplo, unha muller transplantada, pode ser nai? Se non ten outras patoloxías si; temos pensado este ano facer un obradoiro sobre o Edadismo porque afecta moito máis as mulleres; próximamente, para loitar contra a fenda dixital, que afecta as mulleres, en colaboración con Fademur Galicia, imos ter un obradoiro de IA, co móbil, nivel básico.

O proxecto de igualdade “Bergondo en Feminino” tamén moi comunitario e participando desde o principio na investigación das mulleres, nos roteiros, na presentación do proxecto no Globo, na súa difusión, etc. Orgullosas e namoradas deste proxecto e desexando que poida ser replicado noutros lugares e ámbitos.

Como contribúe Elas a visibilidade e sensibilización sobre a violencia de xénero en Bergondo?

O máis importante, pensamos, é que a información chegue ás mulleres. Traballamos na nosa web e nas nosas redes sociais moito nese aspecto. Por exemplo, que saiban onde poden acudir, caso de ser vítimas; ou que recoñezan o “ciclo do maltrato”, porque moitas están inmersas nel, pero non o identifican. Isto é moi preocupante na mocidade, o primeiro nivel é o control (do seu móbil, das súas relacións, de como se visten, etc) e a mocidade non identifica que isto é maltrato. Que coñezan cómo actuar se a nosa filla está sufrindo maltrato, que facer fronte ao acoso na rúa, etc;e ofrecemos datos estatísticos sobre a violencia de xénero e loitamos tamén contra os bulos como o de que a maioría de mulleres poñen denuncias falsas (que representan só o 0,01 % do total de denuncias no 2024).

"Temos máis redes sociais ca nunca e, en cambio, as persoas estamos máis soas ca nunca, en xeral"

Como se integra a asociación no tecido local de Bergondo? Colabora con institucións, centros educativos, ou outras entidades?

Esta pregunta é interesante, porque nos permite falar doutro principio importante para nós, o principio de colaboración. Tentamos ser moi cooperativas porque, normalmente, cada entidade está centrada no seu e non traballamos suficiente en rede.

Durante estes anos, colaboramos con cinco concellos diferentes da nosa comarca, sobre todo co noso Concello, Bergondo; pero tamén con Sada, Betanzos, Culleredo e Arteixo..
Tamén con varias entidades, temos que mencionar, especialmente, a Protección Civil de Bergondo, que sempre imparte formacións en Elas, sobre primeiros auxilios; logo faremos o de Seguridade no Fogar, centrado no tema dos incendios, nivel básico, por exemplo. Estamos moi agradecidas con elas e eles porque é unha colaboración de moitos anos.

E, por exemplo, con dúas entidades deportivas de Bergondo tamén, porque fixemos varias veces Defensa Persoal para Mulleres, normalmente, en torno ao 25N. Ao longo dos anos, realizamos varios obradoiros de corresponsabilidade para a rapazada do colexio de Bergondo. Consideramos que a coeducación, que é transversal, é un tema capital. Temos moita sorte, porque varias entidades e algunhas veciñas, como xa comentamos, ofertan a Elas obradoiros, charlas, formacións, etc, de balde, sen custo económico, sobre temas interesantes para as mulleres.

Como poden as persoas da veciñanza participar ou colaborar con Elas?

Unha das formas máis importantes de colaborar é facéndose socia ou socio. A nosa cota é moi pequena, de tan só 10 euros/ano porque algunhas das actividades, se precisan monitora, xa teñen un custo. Animamos a toda a veciñanza a que participe nas actividades.

Toda a Xunta Directiva realiza traballo voluntario, non é remunerado. E, como xa dixemos, persoas e entidades colaboran con Elas de forma altruísta e voluntaria. Por iso, estamos moi agradecidas e considerámonos afortunadas.

Que proxectos ou retos de futuro ten planificados a asociación para seguir fortalecendo a igualdade de oportunidades en Bergondo?

Os retos máis importantes agora mesmo serían: aumentar o número de socias da Asociación para o que xa temos planificada unha campaña de captación e outro reto crucial sería o relevo xeracional. Temos na cabeza algún proxecto para facer con mulleres novas.

Isto último é complicado porque o activismo, no noso caso feminista, hoxe en día, moita xente o entende como algo individual. Vivimos nunha sociedade de moito individualismo, a mocidade non entende tanto a loita colectiva. A necesidade de asociarse era moi clara noutras épocas, pero, non tanto hoxe. Hai que convencer á mocidade de que hai que facer comunidade, co individualismo imos erradas. Tamén a sociedade é cortoplacista hoxe e os compromisos a longo prazo non se entenden tampouco, non como o entendíamos en épocas pasadas. Temos máis redes sociais ca nunca e, en cambio, as persoas estamos máis soas ca nunca, en xeral.

⚙ Configurar cookies
0.093333959579468