Unha investigadora da UDC avanza na loita contra a resistencia a antibióticos

Lucía Ageitos, membro do grupo PRONAMAR do CICA da Universidade da Coruña, desenvolveu unha investigación sobre péptidos antimicrobianos inspirados na especie de ra Odorrana andersonii. A súa tese, realizada en colaboración coa Universidade de Pensilvania, busca loitar contra a resistencia a antibióticos e avanzar no desenvolvemento de tratamentos máis efectivos contra superbacterias.
A resistencia aos antibióticos é unha das maiores ameazas para a saúde mundial, segundo a OMS. Neste contexto, a investigación científica xoga un papel fundamental no desenvolvemento de solucións para combater as bacterias superresistentes. A doutora Lucía Ageitos, integrante do grupo PRONAMAR do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, realizou unha estancia predoutoral na Universidade de Pensilvania (Estados Unidos) co equipo de César de la Fuente para desenvolver parte da súa tese.
O seu traballo centrouse no desenvolvemento de péptidos sintéticos inspirados nunha especie de ra chamada Odorrana andersonii, que segrega péptidos antimicrobianos para combater infeccións bacterianas e fúnxicas no seu hábitat de augas estancadas. Esta investigación, publicada esta semana na revista científica Trends in Biotechnology, xera expectativas positivas no desenvolvemento de antibióticos que poidan combater as superbacterias sen prexudicar as bacterias beneficiosas do sistema dixestivo humano.
A pesar de que a investigación segue nunha fase preclínica, os resultados foron prometedores, xa que demostraron a eficacia destes péptidos en modelos in vitro (células) e en animais. Os antibióticos tradicionais afectan as bacterias penetrando nas súas células e alterando o seu funcionamento, pero as bacterias van adaptándose e mutando, facendo que estas novas xeracións se volvan resistentes aos antibióticos. Neste sentido, os péptidos antimicrobianos desenvolvidos por Ageitos poden resultar eficaces ao combater a resistencia das superbacterias.
A parte experimental do estudo tivo lugar en 2020, durante a pandemia, cando a doutora Ageitos puido realizar gran parte da súa investigación, a pesar das dificultades do momento. Non é a primeira vez que a investigadora combate a resistencia a antibióticos con animais. O ano pasado participou nun estudo co mesmo equipo de César de la Fuente, no que converteron péptidos extraídos do veleno de avespa en antibióticos. Este traballo foi recoñecido co premio Hot-Paper 2023 do Cell Reports Physical Science e co galardón de Best Chemical Biology Paper of 2023 pola editorial Cell Press.
Actualmente, Lucía Ageitos atópase nunha estancia postdoutoral no Scripps Institution of Oceanography de San Diego, en Estados Unidos, onde continúa a súa liña de traballo do CICA, buscando aplicacións clínicas a produtos naturais de orixe mariña.