Unha grúa especial de 750 toneladas colocará a cúpula do multiusos de Bastiagueiro

O multiusos de Bastiagueiro afronta esta próxima semana unha das fases máis espectaculares da súa construción. O vindeiro luns está prevista a colocación da gran cúpula que cubrirá o edificio, unha manobra que obrigará a empregar unha grúa especial cunha capacidade de carga de 750 toneladas, segundo informa o Concello de Oleiros.
A estrutura foi ensamblada previamente no interior do recinto sobre cimbras de aceiro e presenta unhas dimensións impoñentes: ocupa unha superficie de 1.450 metros cadrados, cun perímetro de 135 metros e un diámetro de 41,5 metros. Unha vez encaixada sobre o tambor de formigón e cristal, rematará de definir a silueta dun inmoble que xa comeza a marcar a paisaxe e que se percibe con claridade desde a avenida Che Guevara.
O edificio multiusos está deseñado como un gran cilindro que se integrará no entorno mediante cubertas vexetais, en diálogo co Bosque dos Veciños e coa zona deportiva próxima á praia de Bastiagueiro. Cun aforo máximo de arredor de 4.000 persoas e gradas e butacas móbiles, concíbese como unha infraestrutura flexible, capaz de adaptarse a todo tipo de eventos culturais, deportivos, feiras, festivais, congresos e exposicións.
A obra, cun orzamento duns 11 millóns de euros financiados en varias anualidades, está chamada a dotar Oleiros do gran espazo cultural e deportivo que o Concello considera necesario para complementar a oferta actual e potenciar as posibilidades ligadas á economía de espectáculos e congresos.
O espazo interior artéllase arredor dun gran ámbito central con capacidade para configurar distintos escenarios en función das necesidades de cada actividade, ao que se suman varias salas para actos máis reducidos, ademais de vestiarios, cameríns e oficinas.
En palabras do arquitecto responsable do proxecto, Fernando Martínez, trátase dun edificio concibido para ser 'flexible, capaz de albergar distintos usos, onde cada apertura converte o natural en escenario e o cotián en experiencia', unha peza que aspira a funcionar como vértice da vida cultural e mesmo económica de Oleiros.