Unha fiestra visual desde Carral: a exposición do VI Concurso Manuel Ferrol destaca pola súa calidade

ACoruñaXa
Falamos coa entidade organizadora da mostra, a Asociación Cultura Aberta de Carral, para coñecer todos os detalles
carral-asoc-cult
27 Jul 2025

Por Amanda Fernández

Carral conta un ano máis cunha nova mostra fotográfica que reúne 36 imaxes seleccionadas entre as máis de 250 presentadas ao VI Concurso de Fotografía Manuel Ferrol. A exposición poderá visitarse nos meses de agosto e setembro, e amosa unha ampla representación da calidade e diversidade da fotografía actual, segundo explica a Asociación Cultura Aberta de Carral, promotora do certame.

Esta entidade cultural fundouse no 2004 co fin de promover a cultura galega e cubrir o baleiro cultural existente en Carral naquel momento. Ten na actualidade 67 socios e socias e o seu traballo xira en torno a distintas áreas como a memoria histórica, o grupo de música e baile tradicional, a escola de teares e tapices, a defensa da lingua galega ou o Concurso de Fotografía Manuel Ferrol.

Este certame é unha iniciativa que naceu en homenaxe ao fotógrafo galego da emigración Manuel Ferrol, vinculado a esta vila. Nesta sexta edición contaron cunha ampla participación. De feito, Lois Anxo Ferreiro, presidente da Asociación Cultura Aberta de Carral, destacou desta exposición anual unha curiosidade. Pola calidade das 256 propostas recibidas, o xurado tomou unha decisión sen precedentes: ampliar o número de obras expostas. “Nesta edición, o xurado tivo claro que non podía quedar nas 25 fotos habituais. A calidade era tan alta que decidiron ampliar a selección a 36”.

O xurado estivo composto por persoas vencelladas ao mundo da fotografía e do ensino audiovisual, como Nacho Romero e Ángel Cordero, ambos da Escola de Imaxe e Son da Coruña, entre outros e outras, segundo relata a organización. Todas as decisións foron tomadas a cegas, sen coñecer a identidade nin a procedencia das autoras e autores que participan de toda España.

As fotografías escollidas abranguen diferentes temáticas e estilos, incluíndo reportaxes e retratos. Non había restricións técnicas nas bases, e podían presentarse obras tanto en branco e negro como en cor. “O certo é que predominan as de branco e negro. Non sei se ten que ver co feito de que Manuel Ferrol traballaba moito así, ou se é unha cuestión de gusto entre os participantes”, apunta Ferreiro.

A exposición inclúe as tres obras premiadas: a fotografía titulada El hombre de la calle Callado, de Miguel Ángel Sintes Puertas (Madrid); ‘Santa Marta de Ribarteme’, de Mónica Vila Ferreirós, autora de Vilanova de Arousa; e ‘Elliot’, de Xavier Ferrer Chust, obra dun fotógrafo de Vila Real (Castellón). Tamén se concedeu un recoñecemento especial a unha serie completa dun dos participantes, ‘El secreto de las flores’, de Miguel Gómez Muñíz, que será exhibida íntegra pola súa calidade.

Un dos momentos máis destacados da selección foi a inclusión dunha imaxe que, sen que o xurado o soubese, fora tomada en Carral. “Recoñecémola nós, porque era a fachada dun bar que houbo aquí, que xa está en ruínas. Escollérona pola súa calidade visual. Para nós ten un valor especial, porque representa o noso propio espazo sen ser identificada como tal no proceso”, explica o presidente da Asociación. A fotografía foi realizada por un veciño de Tabeaio.

A organización do concurso divídese por áreas de traballo dentro da Asociación. Cada proxecto, como a escola de música, a de baile ou o propio certame fotográfico, conta cunha persoa responsable dentro da directiva. “Ao principio faciámolo todo nós, pero dende hai dous anos parte da xestión está contratada cunha empresa cultural, que se encarga da montaxe e da loxística. Nós seguimos asumindo a coordinación, a elaboración das bases e a relación co xurado”, indica Ferreiro. “É un traballo intenso porque hai que buscar financiamento, cubrir os premios e montar toda a exposición. Pero facémolo porque nos gusta a cultura”, afirma.

A exposición serve tamén como lanzamento da sétima edición do concurso, que abrirá o seu prazo de recepción de obras o 1 de agosto e permanecerá aberto ata o 28 de decembro, segundo informa a Asociación. A nova convocatoria chegará con modificacións nas bases, adaptadas para mellorar o proceso e facilitar a participación.

Ferreiro subliña que a exposición merece ser visitada por persoas afeccionadas e tamén por quen non teña especial interese na fotografía: “Mesmo para nós, que levamos anos coordinando o certame, esta edición deixounos pegada. Hai imaxes moi sorprendentes e incluso de reportaxes que nos amosan outras realidades de fóra de Galicia, do mundo, hai fotografías de sitios onde non viven coma nós por dicilo dalgunha forma”.

 

⚙ Configurar cookies
0.16639590263367