Unha delegación da Deputación visita en Délemont (Suiza) unha exposición da inmigración galega

ACoruñaXa
Dende a Deputación da Coruña estase a valorar a posibilidade de levar a Galiza este proxecto que rememora 60 anos da inmigración galega en Suiza
Imaxe da visita de delegación da Deputación da Coruña a Suíza
22 Apr 2024

O vicepresidente, Xosé Regueira, e a deputada de igualdade, lingua e dereitos civís, Soledad Agra, viaxaron ata Suiza para visitar na cidade de Délemont a exposición 'Taxi – Compostela', no Museo du Xura. Alí reuníronse coa directora do museo Nathalie Fleury; o comisario e autor da exposición, o xornalista Antonio Rodríguez; o fotógrafo Pierre Montalvon; o Ministro Conselleiro da Embaixada de España en Berna, Francisco de Miguel, e o Conselleiro de Asuntos Científicos e Culturais da Embaixada Suíza para España e Andorra, Alberto Giovanetti.

Na xuntanza abordaron posibles vías de colaboración que lle permitan á Deputación levar a exposición á provincia da Coruña, resaltando o legado feminino na emigración, a conservación da lingua e a preservación histórica. “As mulleres tiveron un papel protagonista e fundamental, foron quen de construir unha nación, unha `matria´, e de facer país fora del”, apuntou Soledad Agra, “deixando atrás os seus fogares e, en moitos casos ata ás súas crianzas, para darlle un presente e un futuro mellor, con moito traballo e sacrificio.”

Esta reunión supón unha colaboración transnacional e un compromiso da Deputación coa preservación da memoria histórica, tendendo unha ponte “entre dúas realidades xeográficas e culturais distantes pero unidas pola historia e as experiencias compartidas da emigración” engadiu Agra.

Esta mostra, que inclúe textos do xornalista Antonio Rodríguez, fotos de Pierre Montavon e vídeos de Aubin Hellot, fai un percorrido pola historia da inmigración galega dende a posguerra ata a crise do 2008 e a actualidade. 'Taxi–Compostela' pode visitarse en Délemont, unha rexión situada na fronteira entre Suiza e Francia e “cuna” da inmigración galega en Suíza. Tamén alberga varios obxectos simbólicos cedidos por migrantes.

“A emigración da nosa provincia a Suiza e, máis concretamente, a esta zona, forma parte da nosa esencia e da nosa historia recente” apuntou Regueira. “E dende as administracións públicas debemos sacar peito de fitos como este que forman a nosa memoria colectiva”. Neste sentido, sinalou, “esta exposición que amosa tan ben unha realidade de moitos galegos e galegas, é unha homenaxe a todas esas persoas que tiveron que deixar Galiza para formar un segundo país a partir da nosa idantidade aquí, nesta terra tan marabillosa”.

Inaugurada en setembro de 2023 en Suíza, “agora é o momento de que viaxe ata Compostela e de que percorra todos eses lugares de orixe dos migrantes”, apuntou o vicepresidente. Dende a Deputación buscarase, así “o xeito de achegar a exposición aos seus protagonistas”.

Para Regueira e Agra, a importancia de que 'Taxi-Compostela' chegue a Galicia radica na súa capacidade para dar voz e recoñecemento á vida dos emigrantes galegos, recuperar e preservar unha parte da memoria histórica da diáspora europea para as futuras xeracións e poñer en valor o papel fundamental que desempeñou a muller neste proceso migratorio, destacando a súa contribución á comunidade e o seu rol como piares fundamentais na preservación da cultura e a lingua.

0.14537906646729