Unha concelleira de Arteixo denuncia unha agresión tras o pleno da moción de censura en Carral

A moción de censura que devolveu a José Luis Fernández Mouriño á alcaldía de Carral non só deixou unha corporación dividida e un público moi polarizado, senón tamén un episodio que acabou en denuncia por agresión.
A concelleira non adscrita de Arteixo, Noelia Martínez Canosa —que anteriormente formou parte de Alternativa dos Veciños— estivo presente no pleno extraordinario celebrado no polideportivo O Espiño. Segundo explica, durante a sesión permaneceu sentada “respectando a democracia e mantendo as formas”, mentres asegura que se escoitaron reproches contra os concelleiros de Carral Francisco Bello e Mercedes Caridad, tamén exmilitantes de Alternativa dos Veciños e actualmente non adscritos.
Ao rematar a sesión, Martínez Canosa relata que un grupo de persoas simpatizantes de Alternativa dos Veciños de Carral e Oleiros se situou ás portas do recinto e se produciron pequenas incidencias. Nese contexto, afirma que Rubén Caamaño —asesor de Alcaldía e colaborador próximo de Javier Gestal— lanzoulle auga e unha botella que lle chegou a tocar na cabeza.
Tras o incidente, a concelleira achegouse ao centro de saúde de Carral, situado a carón do polideportivo, onde recibiu atención médica e quedou constancia das molestias sufridas. Posteriormente deu traslado dos feitos ás autoridades competentes.
A edil expresou a súa preocupación polo ocorrido e apelou ao respecto institucional. Pola súa banda, Alternativa dos Veciños aínda non se pronunciou sobre este episodio.