Unha canteira de Oseiro salta ao escaparate estatal coas cores da selección galega M16

ACoruñaXa
Rebeca López Naya, xogadora do CD Zalaeta Rugby Arteixo, foi convocada para disputar esta fin de semana en Toledo o Campionato de España de seleccións autonómicas e repite experiencia a nivel nacional
ARTEIXO rebeca rugby
27 Feb 2026

O rugby de base de Arteixo terá representación nunha das grandes citas do calendario formativo estatal. A xogadora Rebeca López Naya, veciña de Oseiro e integrante do CD Zalaeta Rugby Arteixo, vén de ser convocada pola selección galega feminina M16 para competir esta fin de semana no Campionato de España de seleccións autonómicas, que se celebra na provincia de Toledo.

A cita desenvolverase o sábado 28 de febreiro e o domingo 1 de marzo en Yuncos, no campo municipal Ceferino Toribio, e reunirá máis de 200 xogadoras de sete territoriais nun formato que combina competición, tecnificación e actividades formativas.

Para Rebeca, a convocatoria supón un novo paso nun percorrido que comezou na escola municipal desde a categoría M12 e que a foi consolidando como unha das promesas do club arteixán. Ademais, é a segunda vez que entra nunha lista autonómica para un campionato estatal: a pasada tempada xa defendeu a camisola galega nun Nacional en categoría M14 mixta.

Desde o Concello de Arteixo destacaron o ‘orgullo arteixán’ que supón ver unha deportista do municipio entre as elixidas, nun fito que tamén reforza o traballo de base do Zalaeta e o pulo do rugby feminino no concello.

0.14620685577393