Unha andaina saudable para visibilizar as enfermidades raras en Bergondo

ACoruñaXa
O Concello e a Asociación Elas convocan o sábado 28 de febreiro unha ruta circular de 7 quilómetros con saída ás 10.00 horas desde a Ponte de Miodelo
BERGONDO camiñata enfermidades raras
11 Feb 2026

Bergondo volve poñer o foco na saúde e na sensibilización social cunha proposta sinxela e apetecible: calzarse as zapatillas e camiñar en grupo por unha causa que precisa máis visibilidade. O Concello e a Asociación Elas organizan a segunda quedada saudable baixo o lema 'Bergondo camiña polas enfermidades raras', unha cita pensada para todas as idades e con espírito familiar.

A actividade celebrarase o sábado 28 de febreiro cun percorrido circular de 7 quilómetros. A saída (e tamén a chegada) será na Ponte de Miodelo ás 10.00 horas, nun itinerario que pasa por puntos como Marismas, o Camiño Real e Pedrido.

Desde a organización recomendan levar calzado cómodo e, se se dispón del, chaleco de visibilidade. A auga ofrecerase no momento da partida. Para unha mellor coordinación, agradécese confirmar asistencia por WhatsApp no 616 39 81 43 (Carmen).

⚙ Configurar cookies
0.080948829650879