Unanimidade no Parlamento para urxir medidas que reactiven a produtividade marisqueira na ría do Burgo

O Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do BNG para reclamar medidas urxentes que permitan recuperar a produtividade marisqueira na ría do Burgo, unha zona que afecta directamente aos concellos da contorna. A deputada Iria Taibo criticou que a Xunta estea (ao seu xuízo) ‘parada’ mentres o sector ve como se esvae a súa principal fonte de ingresos e pediu ‘feitos, non máis estudos’.
A iniciativa aprobada reclama, entre outras cuestións, dotacións básicas para que as mariscadoras poidan traballar con normalidade (un espazo estable con oficina, vestiarios e aseos, ademais de zona para pesar e facer poxas), a recuperación de áreas que seguen improdutivas e actuacións que permitan asegurar semente e actividade de cara á vindeira campaña de Nadal.
O debate volve poñer sobre a mesa a situación posterior á dragaxe ambiental, que rematou o 26 de abril de 2024. Dende entón, o sector leva meses alertando de que a volta á normalidade non chega: entre as principais dificultades, denuncian a falta dun punto de control operativo e adecuado, imprescindible para organizar a xornada de traballo e a venda, un problema que xa no pasado outono levou a dar por perdida a campaña de Nadal.
Neste contexto, a Xunta vén defendendo en diferentes ocasións que o Goberno central, como promotor da actuación, ten responsabilidades sobre determinadas compensacións vinculadas ao parón do marisqueo durante as obras. Mentres, a confraría e o colectivo de mariscadoras e mariscadores tamén levaron as queixas sobre as consecuencias do dragado e a falta de respostas a instancias europeas, na procura de máis presión institucional.