Un xantar-baile con cocido encherá o pavillón de Vilarmaior o 7 de marzo

A Comisión de Festas de Vilarmaior promove para o sábado 7 de marzo de 2026 un xantar-baile con cocido que se celebrará no Pavillón Polideportivo a partir das 14.30 horas. A proposta combina gastronomía e festa, cunha programación que inclúe sesión vermú e tardeo con música en directo, ademais de cañóns de calor para facer máis confortable a xornada.
O menú anunciado inclúe sopa de cocido e cocido completo, con pratos como cacheira, lacón, costela, panceta e falda de tenreira galega, ademais de patacas e grelos ou repolo. A parte doce completará a comida con filloas artesás con rixóns e, como sobremesa, orellas artesás, ademais de café con gotas e chupito de licores. En bebidas, a organización oferta viño tinto e branco, augas e refrescos.
Os prezos son de 35 euros para persoas adultas e de 23 euros para a cativada de 6 a 11 anos, mentres que as nenas e nenos menores de 6 anos poderán asistir de balde. As reservas poden realizarse nos teléfonos que figuran no cartel: 607 603 781 (José), 633 491 373 (Luís), 616 525 452 (Ángeles), 661 866 078 (Adrián) e 628 743 173 (Ángel).