Un vídeo do Cristo Rey de Oleiros gaña o primeiro premio estatal no certame ‘Unha Constitución para todos’

O CPR Plurilingüe Hijas de Cristo Rey, en Oleiros, suma un novo recoñecemento estatal grazas ao traballo dunha das súas alumnas. Irene Fernández Paulos foi proclamada gañadora do primeiro premio na modalidade de vídeo da categoría dirixida a estudantes de 3.º a 6.º de Educación Primaria no concurso ‘Unha Constitución para todos’, segundo anunciou o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
O certame, de ámbito estatal, está dirixido ao alumnado non universitario e busca fomentar a reflexión sobre o valor da Constitución na vida cotiá. Nesta edición, os participantes puideron presentar os seus traballos en tres formatos: relato ou poesía, proxectos con Scratch e vídeo tipo bibliotráiler.
En total, o Ministerio fixo pública a lista de 15 premiados de toda España e indicou que as persoas gañadoras recibirán un premio en especie por un importe máximo de 1.500 euros e un diploma acreditativo.