Un vertido ilegal no camiño entre a canteira do Quinto Pino e Santa Icía mobiliza ao Concello de Arteixo

ACoruñaXa
Os vixiantes ambientais elaborarán un informe tras a denuncia dunha veciña e o goberno local lembra que existe un servizo gratuíto de recollida de enseres
ARTEIXO vertido camiño do pino
13 Mar 2026

Un novo vertido incontrolado de residuos nun camiño rural de Arteixo levou ao Concello a activar aos vixiantes ambientais para avaliar a situación e proceder á súa retirada. O aviso chegou ao goberno local a través dunha veciña, que enviou por mensaxe unha fotografía e a localización do punto onde apareceron os desperdicios.

Segundo informou o Concello, os restos atópanse ao carón do camiño que conecta a canteira do Quinto Pino coa zona de Santa Icía. Tras recibir a denuncia cidadá, os servizos municipais trasladaron o aviso aos vixiantes ambientais, que elaborarán o correspondente informe para tramitar a retirada do material depositado de forma irregular.

Desde o goberno local aproveitaron a incidencia para insistir na importancia da colaboración veciñal para detectar este tipo de prácticas e manter o municipio limpo. 'Cantos máis ollos miren, máis vemos', sinalan desde o Concello dentro da campaña municipal ‘Arteixo Limpo’.

O executivo lembra tamén que existen alternativas para desfacerse de mobles e outros enseres voluminosos sen recorrer a vertidos ilegais. As persoas que non poidan trasladalos ata o punto limpo poden solicitar a súa recollida chamando aos teléfonos 981 65 91 60 ou 981 65 91 61 ou a través do correo lixo@arteixo.org, onde se lles indicará o lugar onde deben deixar os obxectos para que o servizo municipal pase a retiralos. Ademais, o Concello recorda que o punto limpo municipal permanece aberto durante toda a semana.

0.12772297859192