Un torneo de fútbol 8 dará cita en Almeiras a máis de 300 cativos esta fin de semana

ACoruñaXa
O campo dos Loureiros en Culleredo acollerá esta fin de semana o II torneo de fútbol 8 ‘Cabaleiro de Almeiras’ os días 31 de maio e 1 de xuño, no que se darán cita máis de 300 nenas e nenos do municipio e da comarca.
Imaxe da presentación do torneo de fútbol 8 'Cabaleiro de Almeiras’
31 Maio 2024

O campo dos Loureiros en Culleredo acollerá esta fin de semana o II torneo de fútbol 8 ‘Cabaleiro de Almeiras’ os días 31 de maio e 1 de xuño, no que se darán cita máis de 300 nenas e nenos do municipio e da comarca. Participarán seccións femininas e masculinas das categorías prebenjamín, benjamín e alevín. Os cruces e horarios daranse a coñecer o pasado mércores.

O campionato foi presentado o mércores pasado pola concelleira de Deportes do Concello de Culleredo, Cristina Pardo; a presidenta da Unión Deportiva Xuvenil Almeiras, Sandra Rodríguez; Brais Rodríguez, coordinador de fútbol 8 do club, e Rubén González, directivo da UDJ Almeiras.

Cristina Pardo, edila de Deportes, afirmou que “todo parece indicar que a previsión meteorolóxica acompañará, e serán dous días en familia e co fútbol 8 como protagonistas. Desde o Concello de Culleredo queremos desexar sorte a todas e todos os participantes, pero sobre todo, que se divirtan moito tanto venres como sábado”.

Pola súa banda, Sandra Rodríguez, presidenta da UDJ Almeiras, indicou que “a nosa intención é, nesta segunda edición, afianzarnos como torneo e que sexa unha xornada festiva e de #gozar para todas e todos. A idea é que sigan xogando, aprendendo e estender un pouquiño máis o calendario de xogo de nenas e nenos, unha vez finalizadas as ligas regulares”.

O coordinador de fútbol 8 do club, Brais Rodríguez, subliñou “a importancia a nivel técnico do fútbol 8, onde se darán cita nenas e nenos de 6 a 12 anos, con máis un para un, duelos e unha maior velocidade de xogo. Sérvelles para mellorar tanto a técnica como a nivel táctico e desde a UDJ Almeiras convidamos a toda a xente que queira vir, a pasar grandes momentos en familia, como ben dicía Sandra, a presidenta”.

0.19065117835999