Un 'tesouro' para celebrar o Día do Pai e mover o comercio local

ACoruñaXa
AECOR pon en marcha en Ordes unha campaña con máis de 80 establecementos e un sorteo dunha Smart TV de 50 polgadas valorada en 376 euros, no que se pode participar ata o 21 de marzo
ORDES aecor dia padre
4 Mar 2026

A Asociación de Empresarios e Comerciantes da Comarca de Ordes quere que o Día do Pai se viva tamén na rúa e no pequeno comercio. Para iso vén de activar a campaña 'Atopa o tesouro do pai', unha proposta que convida a mercar e pasear polos negocios asociados mentres se participa nun sorteo cun premio moi concreto: unha Smart TV de 50 polgadas valorada en 376 euros.

A mecánica xira arredor dun xogo sinxelo. Cada establecemento participante colocará unha palabra visible no escaparate (ou no lugar que considere máis axeitado) e a clientela terá que atopala para completar a frase 'Papá é o meu ..... favorito'. Con esa pista, as persoas participantes deberán cubrir unha papeleta coa palabra atopada, os seus datos e un teléfono de contacto, ademais de indicar o nome do negocio no que se localizou. Despois, a papeleta deposítase nas urnas habilitadas.

A campaña está dirixida a persoas maiores de idade e exclúe aos asociados. Permite participar tantas veces como se queira, sempre que se trate de papeletas distintas e correctamente cubertas. Iso si, non se aceptarán participacións repetidas coa mesma palabra atopada no mesmo establecemento pola mesma persoa.

Dende AECOR explican que o obxectivo é dinamizar o comercio local e dar maior visibilidade aos negocios da vila e da comarca a través da implicación da veciñanza. A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Ordes, a Xunta de Galicia e Comercio Galego.

0.12408113479614