Un taller sobre a 'síndrome da impostora' marcará o XVIII Encontro da Muller Xorda de Galicia

A Coruña acollerá este sábado 28 de febreiro a décimo oitava edición do Encontro da Muller Xorda de Galicia, unha xornada de ámbito autonómico que reunirá preto de 50 persoas xordas chegadas de diferentes puntos do país coincidindo coa proximidade do Día Internacional da Muller.
A cita, organizada pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e a Asociación de Persoas Xordas da Coruña (Aspesor), celebrará a súa apertura institucional ás 10.30 h. no Centro Cívico de Monelos. Nesa parte inicial está prevista a intervención de María Quintiana Pérez, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, xunto con María Alonso Mesia, presidenta da FAXPG, e Beatriz Barreiro Marta, presidenta de Aspesor.
O prato forte do encontro será o taller práctico de empoderamento 'Síndrome da impostora xorda: por que nos afecta?', impartido por Alba Prado, referente a nivel estatal neste eido. O programa do día inclúe tamén un espazo de debate e coloquio pola tarde, ademais de momentos de pausa e convivencia.
A organización subliña que a apertura institucional contará con intérpretes de lingua de signos, co obxectivo de garantir a accesibilidade. A información completa do encontro pode consultarse na web da FAXPG.