Un taller de ‘bosques eternos’ no Parque de Monticaño ensinará a crear terrarios o 21 de febreiro

O Concello de Arteixo promove un taller de ‘bosques eternos’ dirixido a persoas con interese pola xardiñería que queiran iniciarse no deseño e coidado deste tipo de composicións vexetais, nas que se combina natureza e creatividade. A proposta desenvolverase o sábado 21 de febreiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, no Parque de Monticaño.
A sesión estará impartida por Alexandre Martínez e incluirá contidos sobre que é un ‘bosque eterno’, a selección de plantas e substratos, a composición e o deseño do terrario, e as claves para manter a cor, a textura e os coidados da peza. Ao remate, cada participante levará o seu propio ‘bosque eterno’.
En canto ao prezo, a inscrición para persoas empadroadas en Arteixo e colectivos con condicións especiais establécese en 15 euros máis 15 euros de material, mentres que a inscrición xeral é de 25 euros máis 15 euros de material. Para máis información e reservas, as persoas interesadas poden contactar a través do correo cursoseme@sumarte.gal ou nos teléfonos 698 193 000 e 604 012 930.