Un século despois, as imaxes de Ruth Matilda Anderson volverán cobrar vida nas aulas

ACoruñaXa
Os centros de secundaria e o Concello impulsan o concurso 'Betanzos 1926-2026', un certame que convida o alumnado a recrear fotografías históricas da vila e a reflexionar en galego sobre a súa transformación
BETANZOS concurso foto ruth matilda
13 Apr 2026

A mirada de Ruth Matilda Anderson sobre Betanzos servirá de punto de partida para un novo proxecto educativo e cultural dirixido ao alumnado de secundaria da vila. Os centros de ensino e o Concello puxeron en marcha o concurso de fotografía 'Betanzos 1926-2026', unha iniciativa que propón recrear no presente algunhas das imaxes tomadas hai cen anos pola fotógrafa estadounidense e acompañalas dun breve texto explicativo en galego.

O certame está pensado para fomentar o coñecemento do patrimonio histórico e convidar a unha reflexión sobre a evolución urbana, social e cultural de Betanzos a través da fotografía. Para participar, o alumnado deberá reproducir na actualidade unha das instantáneas de Anderson facilitadas previamente polos centros e explicar, nun texto de entre 50 e 300 palabras, os cambios experimentados polo espazo retratado ao longo deste século.

A convocatoria está aberta ao alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional dos tres centros educativos de Betanzos, IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar e CPR Grande Obra de Atocha. As propostas poderán presentarse de forma individual ou en grupo e cada participante poderá entregar unha única fotografía, realizada tanto con cámara dixital como con teléfono móbil, sempre en formato JPG ou PNG. O comentario explicativo deberá remitirse en PDF.

As bases establecen tres categorías, unha para 1º e 2º da ESO, outra para 3º, 4º da ESO e FPB, e unha terceira para Bacharelato, ciclos medios e ciclos superiores. En cada unha delas haberá premio para a mellor proposta individual e para a mellor grupal. Ademais, os traballos gañadores formarán parte dunha exposición no Edificio Liceo, onde tamén poderán outorgarse mencións especiais se así o decide o xurado.

Entre os aspectos que se valorarán figuran a fidelidade á fotografía orixinal, a calidade técnica e artística da imaxe, a capacidade de observar as mudanzas do espazo, así como a claridade e o interese do texto. O prazo de presentación remata o 29 de abril e os traballos deberán enviarse ao correo electrónico ruth.matilda.anderson.betanzos@gmail.com, indicando o nome da autora ou autor, o curso e o centro educativo.

Coa iniciativa, Betanzos volve tender unha ponte entre pasado e presente, convertendo o legado fotográfico de Ruth Matilda Anderson nunha ferramenta para que a mocidade mire a súa contorna con novos ollos e descubra como mudou a vila en cen anos.

0.12788009643555