Un salto tecnolóxico no CHUAC para acelerar a análise de máis de 50.000 mostras ao mes

O laboratorio de microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) deu un paso adiante coa súa ampliación e robotización, unha actuación que, segundo salientou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, permite optimizar o procesado de máis de 50.000 mostras mensuais, tanto programadas como urxentes, e gañar en axilidade e seguridade.
Gómez Caamaño visitou este 24 de febreiro as instalacións acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde. O percorrido estivo guiado polo xefe do servizo de microbioloxía, Germán Bou, e pola supervisora do servizo, Carmen Bastón.
O investimento, de 5,3 millóns de euros, céntrase en mellorar fases clave do traballo diario, como o illamento, a incubación e a análise das mostras, reducindo tamén os erros asociados á contaminación manual. A robotización facilita, ademais, a posibilidade de realizar varias deteccións cunha única proba e reforza a análise xenética orientada a tratamentos máis personalizados. Coa nova dotación, o CHUAC convértese no primeiro hospital de España cunha área de bacterioloxía do seu laboratorio de microbioloxía totalmente automatizada.
O conselleiro apuntou tamén aos retos que persegue o proxecto: avanzar cara a un diagnóstico microbiolóxico ultrarrápido de patoloxías infecciosas con plataformas automatizadas e co apoio de técnicas de intelixencia artificial, capaces de ampliar o abano de patóxenos detectables; e impulsar o estudo do microbioma e a súa relación con enfermidades e tratamentos, combinando novas condicións de cultivo con metaxenómica, metabolómica e automatización integral.
No eido investigador, Gómez Caamaño puxo en valor que o CHUAC é o único hospital galego integrado no Centro de investigación biomédica en rede (CIBER) de enfermidades infecciosas do Instituto de Saúde Carlos III, unha rede especializada, entre outros ámbitos, na diagnose de infeccións mediante proteómica e intelixencia artificial, e en liñas sobre microbioma e cancro.
A modernización tamén implica un cambio no xeito de traballar do equipo do laboratorio, formado por 14 facultativos, 43 técnicos de laboratorio e 5 residentes en formación. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FEDER Galicia 2021-2027.