Un proxecto sobre a ditadura e a misoxinia do franquismo leva a igualdade ás aulas da provincia

A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, puxo en valor este mércores o papel da memoria histórica como ferramenta educativa para avanzar en igualdade durante a presentación do proxecto 'A ditadura é un señor con bigote', da xornalista e investigadora Montse Fajardo. O acto celebrouse no IES Rafael Puga, na Coruña, e permitiu ao alumnado achegarse a unha iniciativa que afonda nas causas xudiciais abertas contra mulleres durante o franquismo e na misoxinia estrutural da ditadura.
Durante a presentación, Agra subliñou que o traballo constitúe 'unha ferramenta única para comprender a raíz histórica do machismo contemporáneo', ao tempo que incidiu na necesidade de divulgar as consecuencias da ditadura cun enfoque de xénero. Na súa opinión, proxectos deste tipo contribúen á construción dunha cidadanía máis democrática e consciente das desigualdades que se arrastran desde o pasado.
A deputada tamén salientou a dimensión pedagóxica da proposta, que inclúe un obradoiro dirixido ao alumnado e que xa foi presentada en quince institutos de educación secundaria da provincia da Coruña. Para Agra, esta aplicación divulgativa da investigación de Fajardo destaca pola súa capacidade para 'crear pensamento crítico na mocidade' e facer fronte aos discursos antifeministas e antidemocráticos que gañan presenza nas redes sociais.
'A ditadura é un señor con bigote' foi unha das iniciativas recoñecidas na edición de 2025 do Premio 'Luísa Villalta' a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña. Na última convocatoria presentáronse 22 solicitudes e o xurado seleccionou oito propostas, que recibiron unha contía máxima de ata 12.500 euros.