Un proxecto familiar con vocación social: a Fundación Sergio Villar xa é unha realidade

A Fundación Sergio Villar iniciou a súa actividade recentemente na Coruña. Falamos cun dos seus artífices, Víctor Villar, para coñecela máis de preto. Esta entidade presentouse oficialmente o mes pasado. Na conversa, Víctor explicou a orixe familiar que presenta, xa que procura manter o legado e se constrúe ao redor da figura do seu fillo, Sergio Villar, que dá nome a Fundación. “Nace da necesidade de poñer en valor o ideal social que tiña o meu fillo, Sergio, que faleceu nun accidente no ano 2023”, afirma Víctor.
Segundo contou, a idea de crear a Fundación xurdiu aproximadamente un ano atrás, e foi no pasado mes de maio cando se iniciou a súa actividade cun acto oficial, coincidindo coa declaración de interese público galego, outorgada o 1 de abril deste ano. Destacou que se trataba dun proxecto familiar, e que escolleron, el, a nai e familia, a fórmula xurídica de fundación, entre outras posibles dentro do terceiro sector, co obxectivo de manter un certo control sobre a dinámica futura da organización.
O LEGADO DE SERGIO
“Sergio era unha persoa que tiña moita sensibilidade social e transmitía a idea de dedicar a súa vida a este ámbito, aínda que non tiña definido en que campo ía traballar”, describe así o seu fillo. Comentou que Sergio xa se formaba e participaba en actividades de carácter social na súa vila natal, Ribadeo e que, tras o accidente, a familia se trasladou á Coruña, onde vive o seu fillo maior, irmán de Sergio. Foi neste novo contexto onde decidiron construír un legado que recolla e continúe o proxecto vital que Sergio estaba comezando a trazar.
Apuntou que a entidade foi fundada polo núcleo familiar máis próximo —pais, tíos e curmáns tanto pola parte paterna como pola materna— xunto con algúns amigos de Sergio.
Preguntámoslle como cre que reaccionaría Sergio ao saber desta Fundación e do que procura facer e Víctor manifestou que pensa que o seu fillo se sentiría satisfeito, dado que a súa vida estaba claramente orientada cara ao compromiso cos demais. “Procuramos ver que dun azar ou infortunio puidemos sacar algo de forzas para seguir co seu proxecto, que está pensado para os demais. Non é tanto de realización persoal como de deixar un mundo mellor”, traslada.
Fai fincapé en que todas as decisións que toman están guiadas polo recordo e a ensinanza que lles deixou. Engadiu que, malia a idade que tiña Sergio —18 anos— e o carácter idealista que esta pode levar, decidiron dar á Fundación unha visión humanista baseada na confianza no ser humano e na súa capacidade de transformación. Neste sentido, afirmou que senten a presenza de Sergio en cada decisión e liña de actuación que emprenden.
OS RETOS POR DIANTE
A Fundación está dirixida a mellorar as condicións de vida de persoas, colectivos, en situación ou risco de vulnerabilidade, con especial atención á infancia e á mocidade. Considera que hoxe en día é fundamental a intervención social, actuando sobre as causas dos problemas mediante programas que contribúan a mudar esquemas tradicionais que non están a dar os resultados esperados. A Fundación pretende, así, achegar o seu gran de area a un mundo mellor.
Atópanse no punto inicial con tan só un mes de actividade, no que xa están en contacto con rapaces e amigos de Sergio, e están a desenvolver algunhas iniciativas no eido deportivo, como o patrocinio de equipos de deporte base. Así, Víctor fixou a atención na comunidade máis próxima e na participación nas contornas educativas que afectan directamente á mocidade.
A intención é clara: “Queremos mirar cara adiante, non cara atrás, non duplicar esforzos, o cal era o seu obxectivo e razón de ser e tentar poñer o foco aí. Nós buscaremos por onde non hai determinados programas ou proxectos que pensamos que son necesarios”.
Traballan xa nalgún proxecto en estado avanzado en contacto con outras asociacións, de maneira que promoven unha idea e buscan os profesionais da materia que a poidan implementar e buscar o financiamento para o mesmo.
Sobre o ámbito territorial da Fundación, explicou que é de carácter autonómico. En principio, están a iniciar a súa actividade na Coruña, onde residen actualmente, debido á dificultade emocional de retomar o contacto con Ribadeo, vila á que pretenden volver máis adiante para devolver o cariño recibido tras a perda.
"Este proxecto tamén significa que Sergio segue estando dentro das nosas vidas"
Finalmente, referiuse ao acto de presentación oficial como un momento moi emotivo e que superou as expectativas da familia tanto pola acollida como pola participación institucional. Valorou moi positivamente a asistencia e apoio de entidades deportivas, centros educativos, os Concellos de Ribadeo e A Coruña, a Deputación e a Xunta de Galicia. Informou tamén de que xa teñen proxectos en desenvolvemento en colaboración con outras asociacións, e que o seu enfoque consiste en promover ideas, buscar profesionais especializados para levalas a cabo e xestionar os recursos necesarios para a súa implementación.
“Este proxecto tamén significa que Sergio segue estando dentro das nosas vidas, foi igual ca o seu irmán o centro do noso proxecto vital. Agora adaptándonos a unha realidade nova sufrible, pero á que queremos dar un punto de luz e mirar cara adiante, cara ao que el podía ter feito”, conclúe Víctor.