Un plan de 818.990 euros renovará varios centros sociais e instalacións municipais en Bergondo

ACoruñaXa
Hai obras en marcha en Santa Marta, Mariñán e Cangas e no tellado da antiga escola de Santa Marta
CONCELLO BERGONDO
21 Feb 2026

O Concello de Bergondo ten en execución un paquete de actuacións en centros sociais e dependencias municipais por un importe global de 818.990 euros, financiado con fondos propios e con cofinanciación da Deputación da Coruña. O obxectivo é actualizar espazos de uso veciñal e mellorar as condicións de funcionamento das instalacións públicas, con intervencións de mantemento e acondicionamento adaptadas ás necesidades actuais.

Entre as obras máis relevantes figura a reforma e ampliación do Centro Sociocultural de Mariñán, que inclúe melloras de accesibilidade e eficiencia enerxética, renovación de elementos interiores e aseos adaptados, ademais da actualización de instalacións.

En Santa Marta avanza a rehabilitación enerxética do Centro Social, orientada a gañar confort e reducir consumos, e tamén a substitución do tellado da antiga escola, unha actuación que incorpora melloras de illamento.

No lugar de Cangas, o Concello mantén en marcha a reforma integral do Centro Social de Ouces ‘Antonia Pato Pardo’, un edificio que foi antiga escola da parroquia, coa intención de modernizar o inmoble, mellorar a accesibilidade e avanzar en eficiencia enerxética, tanto no interior como no exterior. Ademais, o goberno local sinala que está previsto iniciar proximamente unha intervención no edificio de Servizos Sociais, un proxecto xa licitado.

Desde de Alternativa dos Veciños destacan que este investimento busca tamén reforzar a participación cidadá e o tecido asociativo, ao facilitar que as entidades locais conten con instalacións máis axeitadas para desenvolver a súa actividade diaria e impulsar iniciativas en beneficio da comunidade.

0.076394081115723