Un paso seguro para peóns na subida de Gandarío ao aparcadoiro, proposta gañadora dos orzamentos participativos de Bergondo 2026

ACoruñaXa
A idea, escollida entre 24 opcións viables, integrarase nas contas de 2026 e a autora recibirá un bono de 100 euros e outras seis persoas serán premiadas con 50 euros
BERGONDO subida gandarío
1 Nov 2025

O Concello de Bergondo elixiu como iniciativa gañadora dos orzamentos participativos de 2026 a creación dun paso seguro para peóns no treito de subida desde a praia de Gandarío ata o aparcadoiro.

A proposta, presentada por María Victoria González Molares, foi seleccionada entre 24 opcións viables e incorporarase ás partidas do orzamento municipal para o exercicio 2026.

O programa mantén os incentivos ao comercio local: a promotora da idea vencedora recibirá un bono de 100 euros, mentres que outras seis persoas cuxas achegas se consideraron de especial interese obterán 50 euros cada unha.

Entre as iniciativas recoñecidas, ademais da proposta gañadora de María Victoria González Molares para crear un paso seguro na subida de Gandarío ao aparcadoiro, figuran a de José Ramón Togores Hernani para instalar 'bibliotecas libres de rúa' con puntos de intercambio de libros; a de Sheila García Suárez, primeira por orde de entrada entre cinco idénticas, para dotar o parque de Moruxo de columpios e tobogán; a de Rebeca Fernández Pérez para habilitar unha área de autocaravanas con todos os servizos de pernocta; a de Esther Vidal Zapatero para trazar un sendeiro e carril bici entre Carrio e o Mosteiro de San Salvador de Bergondo; a de Álvaro Muras Hermida para implantar pasos de peóns iluminados que reforcen a seguridade viaria; e a de Noelia Fernández Ventureira para impulsar a recuperación do Castro de San Fiz.

Segundo o goberno local, tamén se recibiron ideas valiosas que non se axustaban a este procedemento e que se valorarán para outros paquetes de investimento ou para solicitudes de subvención a outras administracións. 'Este mecanismo funciona moi ben nos últimos anos e por iso queremos darlle continuidade; a veciñanza achega puntos de vista moi valiosos e desde o goberno municipal estamos dispostos a escoitar propostas que redunden no ben de Bergondo', sinalan.

A iniciativa enmárcase na sétima edición dos orzamentos participativos, que reservan un máximo de 100.000 euros para financiar a mellor proposta. Para seren admitidas, as ideas debían ser viables, depender da execución municipal e ter interese xeral ou parroquial, ademais de estar empadroado ou residir en Bergondo.

⚙ Configurar cookies
0.072212934494019