Un obradoiro gratuíto axudará á mocidade a xestionar as emocións en Oleiros

O Concello de Oleiros porá en marcha o obradoiro ‘Surfeando coas Nosas Emocións’, unha proposta gratuíta pensada para mellorar o benestar emocional de mozos e mozas de entre 12 e 15 anos. A iniciativa nace como resposta ao aumento de problemas de saúde mental na adolescencia e coa intención de ofrecer un apoio preventivo e práctico nun momento no que a atención pública non sempre pode dar unha resposta inmediata.
A actividade estará conducida por unha psicóloga e un educador social e busca crear un espazo seguro no que a mocidade poida expresarse e adquirir ferramentas para a vida cotiá. Entre os obxectivos que se marca o programa están identificar e nomear emocións, reducir estrés e ansiedade mediante estratexias de autorregulación, reforzar autoestima e habilidades sociais a través do traballo en grupo e contribuír á prevención de condutas de risco.
O obradoiro desenvolverase en oito sesións na Casa da Cultura de Perillo (3º andar), en horario de 18.30 a 20.00 horas. O prazo de inscrición abrirá o luns 9 de febreiro ás 8.00 horas, a través do formulario dispoñible na web municipal.
Para máis información, o Concello facilita os teléfonos 981 610 000 (ext. 1215) e 604 052 877, ademais do correo p.cibeira@oleiros.org.