Un obradoiro ensinará en Monticaño a crear unha vermicomposteira doméstica con miñocas californianas

ACoruñaXa
A actividade, dirixida a persoas afeccionadas á horta e ao xardín, celebrarase o sábado 14 de marzo en Arteixo e contará con 15 prazas con prioridade para empadroados e usuarios de Sumarte
ARTEIXO compostaxe
11 Mar 2026

A vermicompostaxe centrará unha nova proposta formativa en Arteixo coa celebración da segunda edición do taller de iniciación, unha actividade pensada para achegar ao público os coñecementos básicos para crear e manter unha vermicomposteira na casa. A cita será o sábado 14 de marzo, de 10.00 a 14.00 horas, no Parque Municipal de Monticaño, na Pastoriza.

O curso está dirixido a persoas afeccionadas á horta e ao xardín cun nivel de iniciación e permitirá afondar no papel da miñoca vermella californiana (Eisenia fetida) dentro do proceso de transformación dos residuos orgánicos. Ao longo da sesión, as persoas participantes aprenderán que materiais poden aproveitar, como equilibrar os residuos secos e húmidos e que pautas deben seguir para evitar cheiros ou pragas.

A formación correrá a cargo de Alejandro Figueroa Rodríguez, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo. O programa abordará os aspectos básicos do proceso de vermicompostaxe, os distintos tipos de miñocas da terra, os diferentes sistemas existentes e os métodos para preparar composteiros caseiros.

A parte práctica do taller incluirá tamén explicacións sobre a montaxe dunha vermicomposteira doméstica, os primeiros pasos para poñela en funcionamento e as claves para asegurar a súa continuidade. Ademais, ao remate do curso, cada participante poderá levar un composteiro feito con cubos herméticos de plástico e un núcleo de miñocas californianas.

O prezo da actividade será de 15 euros para persoas empadroadas en Arteixo, clientes de Sumarte e asimilados, mentres que a inscrición xeral ascende a 25 euros. A organización oferta 15 prazas por orde de inscrición, aínda que terán prioridade as persoas empadroadas no municipio e os clientes de Sumarte, o servizo municipal de augas e BiciArteixo.

As solicitudes que non obteñan praza nesta convocatoria serán chamadas para a próxima edición do curso. Como único material preciso para participar, a organización indica que será necesario acudir con luvas.

0.12190794944763