Un novo punto de atención achega información sobre o párkinson á veciñanza de Culleredo

Culleredo sumará a partir do 16 de marzo un novo recurso para orientar a persoas con párkinson e ás súas familias. A Asociación Párkinson Galicia-Coruña porá en marcha un Punto de información no Centro Municipal Asociativo A Escada co obxectivo de ampliar a atención e detectar necesidades, especialmente no ámbito rural, onde o acceso a servizos especializados adoita ser máis limitado.
O servizo funcionará con periodicidade quincenal os luns, de 10.00 a 13.00 horas, e será necesario pedir cita previa nos teléfonos 981 241 100 e 618 950 128 ou no correo info@parkinsongaliciacoruna.org. A entidade explica que unha profesional ofrecerá asesoramento sobre a enfermidade, recursos sociosanitarios e posibles derivacións aos programas da asociación.
A directora do centro, Mila Oreiro, insiste en que o reto non é só sanitario, senón tamén informativo. 'O párkinson é a segunda enfermidade neurodexenerativa en España, pero a primeira en falta de información', sinala, nun contexto no que se estima que máis de 13.000 persoas conviven con esta afección en Galicia.
Como paso previo á posta en marcha do punto, a asociación convocou unha charla formativa dirixida a profesionais de servizos sociais, persoal sanitario e tecido asociativo do municipio. Será o xoves 5 de marzo, ás 13.30 horas, no Centro Cívico Virginia Blanco (Fonteculler), e correrá a cargo de Sandra García, responsable da área de fisioterapia, baixo o título 'Traballo en rede na atención ao párkinson: unha resposta coordinada nos ámbitos rurais'.
A iniciativa conta coa colaboración da Fundación 'la Caixa' e do Concello de Culleredo e enmárcase na intención da entidade de estender este modelo a outros municipios da contorna para achegar apoio e orientación onde máis custa chegar.