Un novo pavillón cuberto entra nas peticións deportivas de Betanzos á Xunta

ACoruñaXa
O Concello quere ampliar os equipamentos do Carregal cunha nova instalación anexa ao complexo actual para responder ao aumento da actividade de clubs e escolas
BETANZOS pavillon
24 Mar 2026

Betanzos trasladou á Xunta a necesidade de construír un novo pavillón municipal cuberto no Carregal, unha demanda coa que o Concello busca reforzar a capacidade das instalacións deportivas da cidade. A proposta pasa por levantar unha nova dotación anexa ao actual complexo, nunha zona na que xa se concentran boa parte dos servizos vinculados á práctica deportiva no municipio.

A petición parte da falta de espazo para atender o volume de actividade xerado polos clubs federados e polas escolas deportivas. Aínda que está en marcha a mellora do pavillón do colexio Vales Villamarín, o Concello entende que esa actuación non chega para cubrir as necesidades existentes e que será necesario incorporar unha nova infraestrutura cuberta para dar resposta á demanda.

Segundo o plantexamento trasladado á Administración autonómica, Betanzos encargará agora unha memoria técnica para definir a construción dese novo pavillón anexo ao José María Valeiro Iglesias 'Tocayo', ocupando parte das actuais pistas polideportivas cubertas do Carregal. A solicitude encaixa ademais nun plan máis amplo de mellora da zona deportiva, onde tamén se prevén novas actuacións na contorna da piscina e outros equipamentos.

0.13421297073364