Un novo barrio con 160 vivendas comeza a coller forma na Baiuca-A Penouqueira

ACoruñaXa
A Xunta prevé investir 2,5 millóns de euros na urbanización deste ámbito de Arteixo e abre un prazo de alegacións tras a aprobación inicial do Proxecto de Interese Autonómico
ARTEIXO pia viviendas a baiuca
4 Mar 2026

Arteixo dá un paso relevante no seu mapa residencial. A Xunta aprobou inicialmente o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para desenvolver o solo da Baiuca-A Penouqueira, unha actuación coa que prevé investir 2,5 millóns de euros na urbanización e facilitar a construción de 160 vivendas (na súa maioría protexidas).

Segundo explicou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, o documento marca o inicio dun novo barrio céntrico e ben comunicado, chamado a incorporar tamén espazos verdes, zonas de lecer e servizos. Ademais da parte residencial, o plan reserva superficie para unha zona comercial e unha parcela de equipamento duns 2.050 metros cadrados, xunto con arredor de 200 prazas de aparcamento e a plantación de 200 árbores.

A ordenación delimita un ámbito duns 82.500 metros cadrados, cunha peza residencial de arredor de 13.000 metros cadrados ao carón da travesía da Coruña. As vivendas prevén integrarse en bloques illados, rodeados de zonas verdes, cunha altura máxima de baixo e tres plantas para reducir o impacto visual. A Xunta indica tamén que a vivenda protexida terá cualificación permanente, tanto a destinada á venda como ao alugueiro.

Un dos elementos singulares do proxecto será a instalación dun elevador e unha pasarela accesible na avenida de Galicia, co obxectivo de mellorar a conexión peonil na contorna.

Tras a publicación da aprobación inicial no Diario Oficial de Galicia, ábrese agora un prazo de información pública de 15 días para a presentación de alegacións. A previsión da Xunta é levar o PIA á aprobación definitiva no último trimestre deste ano. En paralelo, avanzará no proxecto de expropiación e no de urbanización (nun ámbito no que a maior parte do solo é propiedade do IGVS), co horizonte de licitar a urbanización en 2027 e iniciar as obras en 2028.

0.11195492744446