Un mural transforma o CEIP Valle Inclán grazas ao talento do seu alumnado e o artista Erb Mon

ACoruñaXa
Nada menos que 467 nenos e nenas do centro participaron este curso neste proxecto artístico colaborativo
mural-oleiros
6 Jun 2025

O CEIP Valle Inclán de Oleiros vén de converter o seu peche perimetral nun auténtico lenzo a ceo aberto. Nada menos que 467 nenos e nenas do centro participaron este curso nun proxecto artístico colaborativo que culminou coa creación dun mural de 325 metros cadrados, dirixido polo recoñecido artista internacional Erb Mon, especializado en murais de gran formato.

A iniciativa, impulsada pola ANPA do centro, desenvolveuse ao longo de varios meses e deu como froito unha obra inspirada na natureza, que agora pode contemplarse na avenida Valle Inclán e na rúa Anduriñas. Alén do impacto visual, o mural naceu con vocación educativa e comunitaria.

O proxecto tiña como obxectivos fundamentais fomentar a creatividade do alumnado de infantil e primaria, promover o respecto e coidado do espazo común e reforzar o vínculo da comunidade educativa coa expresión artística. A implicación de todo o centro foi clave para o éxito dunha proposta que deixa pegada tanto dentro como fóra das aulas.

Desde o Concello de Oleiros agradecen á Xunta Directiva da ANPA o seu compromiso coa educación pública e co desenvolvemento de proxectos que achegan a arte e a cultura ao entorno escolar. Iniciativas coma esta, sinalan, son exemplo de como a colaboración entre familias, profesorado e artistas pode contribuír á construción dun ensino máis participativo, creativo e transformador.

⚙ Configurar cookies
0.13567900657654