Un modelo intelixente mellora a eficiencia na construción naval desenvolvido pola UDC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña desenvolveron un modelo innovador para optimizar a planificación na construción naval. Publicado na revista International Journal of Production Research, o modelo ten en conta limitacións reais como a dispoñibilidade de guindastres, o espazo para almacenar bloques e o persoal cualificado.
Por primeira vez, incorpora a secuencia real de montaxe en bancada, o que permite adaptar a planificación ás estratexias construtivas e mellorar a eficiencia do estaleiro, reducindo os prazos de fabricación sen saturar os espazos de almacenamento.
O equipo liderado por Javier Pernas usa programación por restricións para crear plans axeitados ás condicións reais, evitando obstrucións e garantindo un fluxo de traballo equilibrado. Agora, traballan en integrar esta ferramenta con sistemas de simulación en tempo real para facer a planificación máis flexible e adaptativa.