Un milleiro de escolares e máis de 50 centros participarán no Día da Ciencia na Rúa da Coruña

O próximo 10 de maio o parque de Santa Margarita converterase, unha vez máis, no epicentro da ciencia para todas as idades coa celebración do Día da Ciencia na Rúa 2025. A iniciativa, promovida polo Concello da Coruña xunto coa Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Cátedra Emalcsa-UDC, contará tamén co apoio da FECYT, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e da Deputación da Coruña.
O evento reunirá arredor de mil estudantes, profesorado e persoal investigador que ofrecerán ao público un extenso abano de actividades interactivas co obxectivo de achegar a ciencia e a tecnoloxía á vida cotiá. Participarán 54 centros educativos procedentes da Coruña e doutras localidades como Betanzos, Cambre, Arteixo, Ribadeo ou Poio, entre outras.
“Esta é unha das iniciativas máis especiais do ano para os centros escolares e desde o Goberno de Inés Rey queremos que así siga sendo, amosando a importancia da divulgación científica desde a mocidade”, destacou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
O programa inclúe propostas sorprendentes: desde o recoñecemento facial con Intelixencia Artificial, ata a creación de nubes, pasando por invernadoiros intelixentes, satélites artificiais, robótica educativa, tecidos electrónicos para estudar o corazón, ou proxectos que mesturan ciencia con maxia, arte, son ou ilusións ópticas. Non faltarán tampouco actividades centradas na crise climática, a sustentabilidade e a conservación do medio ambiente.
Ademais do alumnado, participarán entidades científicas de referencia como a Facultade de Ciencias da UDC, o CITIC, o CICA, o CITEEC, o INIBIC, a Axencia Galega de Órganos e Sangue, o CITMAga ou o Centro Oceanográfico da Coruña. Todos eles achegarán os seus avances á cidadanía nun ambiente divulgativo e próximo.
No entorno da Casa das Ciencias tamén se organizarán actividades paralelas da man da Asociación Galega de Xadrecistas (AGAX), a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Incude ou UDCiencia d+i. A xornada estará amenizada cun concerto da Banda Municipal da Coruña ás 12:00 horas e, a partir das 17:30, un espectáculo de monólogos científicos a cargo do grupo Ciencia Calidade.
Como novidade deste 2025, instalarase un mercado gastronómico sostible con oito postos na entrada do parque pola rolda de Nelle, ofrecendo unha alternativa sabrosa e responsable para completar unha xornada de ciencia, aprendizaxe e diversión para toda a familia.