Un mapa dixital para planificar unha escapada é a nova proposta para o turismo en Betanzos

A promoción turística dá un paso máis no ámbito dixital coa estrea dun novo portal pensado para facer máis doada a planificación dunha visita. A nova páxina web presentouse en FITUR como unha ferramenta integral que reúne información práctica, contidos culturais e patrimoniais e propostas para diferentes tipos de viaxeiro, tanto para quen busca unha visita rápida como para estadías máis longas.
A alcaldesa, María Barral, enmarcou o lanzamento dentro dun programa máis amplo de difusión do destino, con presenza en feiras e eventos e tamén cunha aposta por accións en liña a través de redes sociais e web. Nesta liña, defendeu a necesidade dun ‘cambio de imaxe e de soporte’ para achegar o municipio aos potenciais visitantes con utilidades que lles permitan organizar a viaxe.
Un dos piares do novo portal son os mapas interactivos, integrados desde o subdominio mapas.betanzos.es, que permiten explorar dun xeito intuitivo máis de 100 recursos turísticos e servizos municipais. A web incorpora tamén fotografías actualizadas, rutas temáticas e contidos estruturados para ofrecer información clara e atractiva.
O deseño aposta pola usabilidade e a accesibilidade, cun formato ‘responsive’ para funcionar correctamente en móbil, tableta e ordenador. Ademais, a estética do portal está aliñada coa nova identidade visual municipal e cos seus cores corporativos, buscando coherencia coa imaxe institucional e reforzando o relato visual do destino. Entre os apartados principais inclúense contidos patrimoniais e culturais, experiencias e rutas, recursos naturais e etnográficos e servizos de interese turístico.