Un manual para que os concellos reforcen a súa política cultural con método e ferramentas

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña presenta unha guía práctica con 6 fases e 25 accións para planificar, avaliar e impulsar proxectos culturais desde o ámbito municipal
DEPU CORU Natividad gonzales
4 Mar 2026

A Deputación da Coruña vén de presentar o ‘Manual para políticas culturais locais. 6 fases e 25 accións para fortalecer a cultura’, unha publicación concebida como ferramenta de traballo para persoal técnico, responsables públicos e axentes culturais que buscan ordenar, medir e mellorar as políticas municipais neste eido.

No acto participaron a deputada de Cultura, Natividade González, o coordinador executivo do volume, Fran Quiroga, a coordinadora Adela Vázquez e o asesor da Área de Cultura, Xavier Campos. A obra dá continuidade á liña ‘A cultura é un dereito’, unha estratexia coa que a institución provincial pretende situar a cultura como eixo das políticas públicas, non como un complemento.

O manual propón unha metodoloxía estruturada en seis fases e vinte e cinco accións, pensada para que cada concello poida adaptala á súa realidade. A deputada Natividade González puxo o acento nesa utilidade práctica e na necesidade de acompañamento aos municipios: publicacións coma esta, sinalou, axudan a ofrecer un marco e propostas concretas que se poden axustar a contextos moi distintos.

Entre os contidos, a obra inclúe a peza de apertura ‘Se eu fose concelleiro de Cultura’, que, segundo se destacou, interpela directamente a quen asume responsabilidades públicas e reivindica a cultura como parte central do desenvolvemento democrático. Tamén se subliñou a idea dunha ‘cultura híbrida’, conectada con ámbitos como a igualdade, o medio ambiente, o patrimonio, a cohesión social, a saúde ou a educación.

A Deputación lembrou que este é o segundo volume vinculado a ‘A cultura é un dereito’. O primeiro, publicado en 2023, recollía reflexións xeradas nas xornadas monográficas que a institución impulsa desde 2018. Este novo libro dá un paso máis ao trasladar ao terreo municipal unha guía operativa e exemplos prácticos que pretenden evitar que a publicación quede ‘nos andeis’ e se converta nun instrumento de uso real.

0.11849594116211