Un libro une deporte e solidariedade para lembrar a Mary Carmen Presas

ACoruñaXa
O Concello de Abegondo acolleu a presentación de 'Presas de Historias: Deporte e Paixón', unha obra promovida pola asociación Mételle un gol ao cancro para recadar fondos destinados a proxectos oncolóxicos
ABEGONDO presentación oncoloxicos
18 Mar 2026

A casa consistorial de Abegondo converteuse nun espazo para a memoria, a emoción e a solidariedade coa presentación de 'Presas de Historias: Deporte e Paixón', un libro que reúne relatos arredor do deporte e dos valores humanos para render homenaxe a Mary Carmen Presas. A iniciativa nace da man da asociación Mételle un gol ao cancro e ten como finalidade recadar fondos para impulsar proxectos oncolóxicos en Galicia.

O acto desenvolveuse no salón de plenos e reuniu representantes da iniciativa solidaria, persoas colaboradoras e veciñanza vencellada ao proxecto. A publicación recompila historias reais e tamén imaxinadas, todas elas marcadas por emocións como o esforzo, a superación, a amizade e o compromiso cos demais. A obra quere, ademais, manter vivo o recordo de Mary Carmen Presas, unha figura moi querida e ligada ao deportivismo, cuxa pegada segue presente na comunidade.

Mary Carmen Presas colaborou activamente desde o ano 2010 coa iniciativa Mételle un Gol ao Cancro, que se celebra cada Nadal en Abegondo e que se consolidou co paso do tempo como unha cita solidaria de referencia. Agora, ese espírito de implicación social atopa continuidade nesta publicación, que transforma a paixón polo deporte nun vehículo para axudar a quen máis o precisa.

A presentación estivo presidida polo alcalde, José Antonio Santiso, que estivo acompañado por Bibiana Santiso, presidenta da asociación Mételle un gol ao cancro, por Manolete, ex xogador do Deportivo e presidente dos veteranos, e por Alberto Gómez Barros, xornalista, veciño de Abegondo e autor dun dos relatos incluídos no volume.

Durante o acto, o rexedor puxo en valor este tipo de propostas polo seu compoñente humano e cultural, ao considerar que contribúen a fortalecer o tecido social e a poñer en primeiro plano iniciativas que combinan sensibilidade e compromiso. Na súa intervención, destacou que o libro demostra como a paixón deportiva pode converterse nunha ferramenta útil para canalizar apoio real a causas de grande importancia social.

Cada exemplar vendido contribuirá a financiar proxectos oncolóxicos, reforzando así a dimensión solidaria dunha obra que foi posible grazas á implicación de familiares, amizades e colaboradores. Todos eles quixeron deixar por escrito un conxunto de historias coas que homenaxear a Mary Carmen Presas e, ao mesmo tempo, sumar esforzos arredor dunha causa colectiva.

0.14151191711426