Un investigador coruñés súmase ao proxecto internacional que estuda o fenómeno de El Niño

ACoruñaXa
Rafael Carballeira, investigador do CICA (UDC), colabora nunha investigación clave con Perú para reconstruír a historia deste caso e o seu impacto no clima global
fenomeno-del-nino-universidad-coruna
14 Jul 2025

O investigador galego Rafael Carballeira Coego, membro do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA) do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, participa nun destacado proxecto internacional que busca reconstruír a historia do fenómeno climático El Niño ao longo de milleiros de anos. A investigación desenvolverase na lagoa La Niña, situada na costa norte do Perú, un enclave estratéxico para o estudo do sistema climático do Pacífico.

O proxecto, financiado polo programa Prociencia do Consejo Nacional de Ciencia, Tecnología e Innovación Tecnológica (CONCYTEC) peruano, foi un dos mellor valorados entre máis de 300 propostas, e conta coa participación de institucións como o Instituto Geológico, Minero y Metalúrgico (INGEMMET) de Perú, a Universidade Complutense de Madrid e a Universidade da Coruña. O seu obxectivo é analizar os sedimentos da lagoa La Niña, un ecosistema que actúa como un auténtico “sensor climático”, xa que se enche durante os eventos de El Niño e seca durante La Niña. A través de técnicas como a datación por carbono-14 e o estudo da composición biolóxica e xeolóxica dos sedimentos, o equipo espera reconstruír a recorrencia destes eventos climáticos durante o Holoceno.

O fenómeno de El Niño, caracterizado polo quecemento anómalo das augas do Pacífico ecuatorial, ten efectos que se estenden moito máis alá de América do Sur. Tal como recolle un recente estudo publicado en Nature (Esper et al., 2023), El Niño foi un factor clave no récord de temperaturas acadado no verán de 2023, o máis cálido dos últimos 2000 anos no hemisferio norte. A súa influencia maniféstase en alteracións climáticas a escala planetaria, desde secas ata inundacións, e afecta tamén ao clima europeo.

En Galicia, diversos estudos xa teñen identificado conexións entre o fenómeno El Niño- Oscilación del Sur (ENSO) e os patróns de precipitacións e temperatura, con implicacións directas en sectores como a agricultura, os recursos hídricos ou a xestión forestal. A participación galega neste proxecto contribúe a mellorar a comprensión global do fenómeno e a anticipar os seus posibles efectos nun contexto de cambio climático acelerado.

A participación de Rafael Carballeira neste proxecto reforza a proxección internacional do CICA e da Universidade da Coruña no ámbito da investigación climática. Especialista en paleolimnoloxía e análise de ADN antigo en sedimentos, Rafael achega a súa experiencia na reconstrución de ecosistemas pasados e no estudo da biodiversidade dos lagos, clave para interpretar os rexistros sedimentarios da lagoa peruana.

Este tipo de colaboracións internacionais non so sitúan a Galicia na vangarda da ciencia climática, senón que permiten establecer pontes de coñecemento entre continentes, nun momento no que a cooperación científica é máis necesaria ca nunca para afrontar os desafíos do cambio climático.

⚙ Configurar cookies
0.16241383552551