Un incendio simulado pon a proba por primeira vez o plan de emerxencias de Pocomaco

ACoruñaXa
O simulacro, desenvolvido na nave de TECDESOFT coa participación dos bombeiros da Coruña, serviu para testar a resposta coordinada do polígono ante unha incidencia real
A CORUÑA bomberos pocomaco (1)
18 Mar 2026

Pocomaco puxo este mércores 18 de marzo a proba a súa capacidade de reacción ante unha emerxencia cun primeiro simulacro no polígono. O exercicio tivo lugar ás 11.00 horas na nave de TECDESOFT e consistiu na recreación dun incendio con fume inocuo, nun operativo no que participaron o persoal da empresa, os equipos de intervención do polígono e tamén os bombeiros da Coruña.

Segundo a información facilitada pola organización, TECDESOFT activou nun primeiro momento o seu propio plan de autoprotección e, ao comprobar que o lume non quedaba extinguido, entrou en funcionamento o Plan de Autoprotección de Pocomaco. Desde o polígono subliñan que o balance do simulacro foi positivo e que a experiencia serviu como adestramento ante unha eventual situación real.

A xornada chega apenas uns días despois de que Pocomaco presentase ante comuneiros e empresas o seu primeiro plan de autoprotección, unha ferramenta coa que busca dar resposta a posibles emerxencias e protexer tanto as persoas como os bens nas zonas comúns da área empresarial. A propia asociación empresarial salientou que o polígono non está obrigado por lei a contar con este dispositivo, implantado coa axuda dunha subvención da Xunta de Galicia, e que se suma ao servizo de seguridade privada operativa as 24 horas durante todo o ano.

Ese plan fixa a secuencia de actuación en caso de risco, recolle pautas para distintos tipos de emerxencia e delimita cuestións clave como os puntos de evacuación e os lugares de encontro cos servizos exteriores. O simulacro realizado en TECDESOFT supón, así, o primeiro ensaio práctico dun sistema co que Pocomaco pretende reforzar a prevención e mellorar a coordinación nun dos principais polígonos empresariais da contorna coruñesa.

0.12443590164185