Un incendio nunha vivenda de Cabana mobiliza os servizos de emerxencia en Culleredo

Os servizos de emerxencia traballan desde o mediodía na extinción dun incendio declarado nunha vivenda unifamiliar do núcleo de Cabana, na parroquia cullerdense de Veiga. O aviso rexistrouse ás 12.45 horas e ata a zona desprazáronse efectivos da Policía Local de Culleredo e os bombeiros do parque provincial de Arteixo.
Segundo a información facilitada, trátase dunha segunda residencia. O propietario atopábase no exterior no momento no que se iniciou o lume, polo que non hai que lamentar danos persoais.
As tarefas de extinción prolongáronse durante as primeiras horas da tarde debido, en parte, á presenza de abundante madeira na estrutura do inmoble. Como hipótese inicial, apúntase a posibilidade de que un calefactor que estaba acendido no interior puidese estar detrás do incendio, á espera de que se confirme a causa.