Un estudo con participación do CICA da UDC alerta de que os veráns extremos en Europa se alargan e poderían acelerar cara a 2100

Os veráns europeos non só son cada vez máis cálidos, senón tamén máis longos, e esa tendencia podería intensificarse nas próximas décadas. Así o conclúe un traballo internacional no que participa Armand Hernández, investigador do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental (GRICA) do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, e que se publica hoxe na revista 'Nature Communications' baixo o título 'Consistent response of European summers to the latitudinal temperature gradient over the Holocene'.
O equipo, encabezado pola climatóloga Celia Martín-Puertas (Royal Holloway University of London), reconstruíu a evolución dos veráns europeos durante os últimos 10.000 anos a partir das capas de sedimentos acumuladas no fondo de varios lagos do continente. Estes depósitos forman unha sorte de 'calendarios climáticos naturais' que permiten saber como variou a duración das estacións ao longo do tempo.
As análises mostran que hai arredor de 6.000 anos Europa experimentou os veráns máis longos do Holoceno, cunha duración próxima aos 200 días ao ano, similar aos episodios máis extremos que se observan na actualidade. Aquel alargamento da estación cálida estivo asociado a un quecemento natural do Ártico que modificou a circulación atmosférica e favoreceu condicións máis estivais. Segundo o estudo, os mesmos mecanismos están hoxe en marcha, pero agora amplificados polo cambio climático de orixe humana.
A clave está no chamado gradiente latitudinal de temperatura, é dicir, na diferenza térmica entre o ecuador e o Polo Norte. Este contraste é o motor dos ventos do Atlántico que marcan o tempo en Europa. A medida que o Ártico se quenta case catro veces máis rápido ca media global, a diferenza de temperatura redúcese, as correntes de aire fanse máis lentas e inestables e prolongan os patróns propios do verán, con ondas de calor e secas máis persistentes e episodios de chuvias intensas ao remate da estación.
'Cando o contraste de temperatura entre o Ártico e as latitudes medias se debilita, o verán europeo esténdese e increméntanse os eventos extremos tanto de calor como de precipitación', sinala Armand Hernández. 'O que vemos non é un fenómeno completamente novo, senón un comportamento recorrente do sistema climático terrestre. A diferenza agora é a rapidez e a intensidade con que se está producindo'.
Os autores estiman que unha diminución de 1 grao no gradiente de temperatura entre o ecuador e o Polo Norte pode engadir uns seis días de verán. Se as emisións de gases de efecto invernadoiro seguen a ritmo actual, Europa podería sumar ata 42 días adicionais de estación cálida cara a 2100 só polo quecemento do Ártico. Outros factores, como os cambios nas emisións de aerosois industriais ou as retroalimentacións internas do sistema climático, poderían reforzar aínda máis esta dinámica.
Un verán prolongado terá impactos directos na agricultura, nos ecosistemas e na saúde. Aínda que inicialmente unhas tempadas de cultivo máis longas poderían favorecer parte do norte de Europa, o aumento das ondas de calor, a falta de auga e o risco de incendios forestais poderían anular calquera beneficio. Os investigadores advirten de que, se continúa esta tendencia, as zonas climáticas desprazaranse cara ao norte e países como España poderían achegarse a condicións semellantes ás actuais do Sahara.
Para Martín-Puertas, os rexistros dos antigos lagos funcionan tamén como unha chamada de atención: 'Os sedimentos demostran que o clima da Terra sempre respondeu aos cambios na atmosfera, pero o ritmo actual está a empurrar os límites naturais cunha velocidade sen precedentes cara a un futuro máis incerto'. O estudo subliña así a conexión entre o clima global e o tempo que se vive no día a día en Europa, e insiste na importancia de coñecer o pasado para anticipar e mitigar os efectos dun planeta en rápida transformación.