Un Entroido para toda a familia con inchables e concurso de disfraces en Anceis en Cambre

O Entroido fará parada en Anceis cunha proposta pensada para compartir en familia e alongar a festa máis alá do desfile. O pavillón da parroquia converterase o martes 17 de febreiro, desde as 17.00 horas, nun espazo cheo de actividade con opcións para pequenas e pequenos, pero tamén para quen non perdoa unha boa tarde de troula.
A cita inclúe inchables, xogos e música a cargo do DJ Teo, ademais dunha merenda para coller folgos entre baile e baile. O broche poñerao un concurso de disfraces co que a organización anima a tirar de imaxinación e chegar ao pavillón coa mellor caracterización.
O evento está impulsado pola Asociación de Veciños San Xoán de Anceis e conta coa colaboración do Concello de Cambre. Dende a organización convidan a veciñanza a sumarse, disfrazarse e gozar dun Entroido ‘como se merece’.