Un documental sobre a memoria da represión e os amores silenciados chega ao auditorio de Arteixo con selo local

ACoruñaXa
'Reflexos do amor escuro', dirixido por Fran Naveira, Gutier Rolán e J.A. Jiménez, estrearase este sábado 11 de abril no Auditorio CCC Arteixo Manuel Murguía
ARTEIXO docu gay
8 Apr 2026

O Auditorio CCC Arteixo Manuel Murguía acollerá este sábado 11 de abril a estrea de Reflexos do amor escuro, un documental que afonda na memoria, na represión e nas vivencias amorosas silenciadas de toda unha época, cun marcado protagonismo de talento vencellado ao municipio.

A peza está dirixida por Fran Naveira, arteixán, xunto a Gutier Rolán, veciño e residente no concello, e J.A. Jiménez. A presentación do traballo converterase así tamén nun escaparate para a creación audiovisual de proximidade, cun proxecto que nace desde o territorio e que leva ao público unha historia con fondo peso emocional e social.

O documental parte dunha curtametraxe de ficción rodada en super 8 milímetros e ambientada na Coruña de finais dos anos setenta. A partir desa base, constrúe un relato arredor das relacións amorosas entre homes nun tempo marcado pola represión e o silencio, ao tempo que enlaza coa obra Amores escuros de Federico García Lorca e coa teatralización dos seus sonetos.

No elenco figuran Edgar Blanco e Sete Eiroa. A produción ten unha duración de 52 minutos e está recomendada para maiores de 16 anos, segundo a información facilitada pola organización.

A proxección dará comezo ás 19.00 horas e a entrada realizarase con invitación. A cita permitirá poñer no foco un traballo que combina memoria histórica, creación artística e participación de profesionais ligados a Arteixo nunha proposta que busca abrir reflexión e diálogo a través do cinema.

0.11678194999695