Un debuxo de Alba Portela Cagiao gaña o 'Concurso de Carteis de Nadal 2025' de Betanzos

O Concello de Betanzos xa ten cartel gañador para o Nadal de 2025. A proposta de Alba Portela Cagiao, estudante de 2.º de Educación Primaria do CEIP Francisco Vales Villamarín, foi elixida como primeiro premio do 'Concurso de Carteis de Nadal 2025' e servirá para ilustrar a portada do programa festivo municipal deste ano.
O certame recoñeceu tamén tres accésits: Martina Álvarez (CPR A Grande Obra de Atocha), Mª del Carmen González López (Centro Pai Menni) e Luis Abarrategui Rodríguez (Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente). A alcaldesa, María Barral, foi a encargada de facer entrega dos premios aos traballos distinguidos.
Segundo recollen as bases, o concurso estaba aberto ao alumnado de Infantil, Primaria e persoas con diversidade funcional escolarizadas no municipio. Os carteis debían ter temática de Nadal, estar elaborados en cartolina de 40x30 centímetros con técnica libre e empregar o galego como idioma. O premio e os accésits consisten en material didáctico.
A acta do xurado indica que a deliberación se celebrou o 26 de novembro de 2025, entre as 14.15 e as 14.30 horas, coa presidencia do concelleiro Ricardo Cheda Faraldo e coa participación de representantes do profesorado.