Un concerto familiar pon música en Abegondo á celebración do Día de Rosalía

A Biblioteca Municipal de Abegondo converterase este venres 20 de febreiro, ás 18.00 horas, nun espazo para achegar a figura e a obra de Rosalía de Castro ao público máis novo e ás familias. O concello programa o concerto familiar 'Os cantares de Rosalía', un espectáculo musical que combina poesía e cancións nun formato pensado para compartir en comunidade e con entrada gratuíta.
A proposta chega da man de María Faltri e preséntase como unha viaxe emocional a través de textos de Rosalía, nunha sesión de arredor de 60 minutos recomendada para público familiar a partir de 3 anos. Sobre o escenario, Faltri pon voz, guitarra e pandeireta, acompañada á guitarra e nos coros por Reynier Aldana.
O concerto forma parte do circuíto da Rede Cultural impulsada pola Deputación da Coruña, un programa que leva propostas escénicas e musicais a diferentes concellos da provincia ao longo do ano.