Un cento de estudantes da Coruña optan ao programa Bolsas Norteamérica 2025-2026

ACoruñaXa
O Concello publica a listaxe de solicitudes admitidas para cursar 1º de Bacharelato en Canadá, un programa que destinará 650.000 euros para mellorar a formación en idiomas e ofrecer unha experiencia internacional
Imaxe do Aeroporto de Alvedro na Coruña
11 Jan 2025

Un total de 102 estudantes de centros educativos da cidade optan a unha das prazas convocadas polo programa “A Coruña no Mundo: Bolsas Norteamérica 2025-26”. Este proxecto, impulsado polo Concello da Coruña, permitirá cursar 1º de Bacharelato en Canadá durante o próximo curso escolar. As listaxes de solicitudes admitidas e excluídas están dispoñibles na web educativa municipal.

Segundo sinalou Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, "con este programa o Goberno de Inés Rey quere mellorar a formación en idiomas do alumnado da cidade e permitirlles vivir unha experiencia única que os fortalecerá para a vida adulta".

Foron presentadas 123 solicitudes, das que 102 foron admitidas. As 21 restantes quedaron excluídas por duplicidade, falta de rexistro ou por non cumprir cos requisitos establecidos. As persoas interesadas poden presentar reclamacións ata o 24 de xaneiro. A continuación, unha comisión técnica valorará as solicitudes admitidas e publicará as listaxes provisionais coas seleccións definitivas e as reservas.

O programa ofrece un mínimo de 25 bolsas, cunha achega municipal de 650.000 euros. Cada bolsa cubre a estancia cunha familia anfitrioa, a escolarización nun High School canadense, a tramitación do visado, os desprazamentos, a asistencia sanitaria, e unha asignación mensual de 120 euros durante os dez meses de estadía. Ademais, o alumnado con menores recursos poderá optar a unha axuda adicional de 400 euros.

Entre os criterios de selección figuran a cualificación media de 3º de ESO, a nota final en inglés, a renda familiar e a situación sociofamiliar. As bolsas divídense en dúas categorías: totais, para familias cunha puntuación económica entre 7 e 10 puntos, e parciais, onde o Concello asumirá entre o 65% e o 95% do custo da praza.

Para optar ao programa, o alumnado debe estar empadroado na Coruña, cursar 4º de ESO nun centro do municipio, ter unha nota media mínima de 6 en 3º de ESO e non ter materias suspensas, ademais de contar cunha cualificación de 7 ou máis en inglés.

Este proxecto reforza o compromiso do Concello da Coruña coa educación de calidade e a igualdade de oportunidades, ofrecendo ao alumnado unha experiencia internacional que mellora as súas competencias e abre as portas a un futuro máis prometedor.

0.15631294250488