Un cento de deportistas participan na Coruña no Campionato de España Infantil por comunidades de natación artística

A Coruña acolle esta fin de semana o Campionato de España Infantil por Comunidades Autónomas de natación artística. Esta proba conta coa participación das mellores deportistas de idade infantil de cada comunicade, coa presenza de 12 seleccións, incluíndo a galega, e un cento de participantes.
“Desde o Goberno de Inés Rey continuamos a promover a celebración na nosa cidade de grandes eventos deportivos coma este, que amosan o noso compromiso por promover todas as disciplinas e niveis”, sinalou Vázquez na presentación da proba. A categoría infantil inclúe a deportistas de 13, 14 e 15 anos no caso das mozas e de 13 a 16 anos nos mozos. Ademais de deportistas, está previsto que asistan unhas 40 persoas de staff técnico máis membros do xurado e persoal de organización.
A competición desenvolverase en tres sesións: sábado 17 en sesións de mañá e tarde e domingo 18 en sesión de mañá. A sesión do sábado pola mañá está dedicada a competición de figuras e sería sen público, pero as sesións da tarde do sábado e a mañá do domingo están dedicadas ás rutinas de só, só masculino, dúo, dúo mixto e rutina combinada e están abertas ao público.
“Esta é unha boa oportunidade para traer a Galicia e á cidade da Coruña en particular, unha competición de nivel nacional dunha modalidade que moi poucas veces pódese gozar en directo”, celebrou Manuel Vázquez na presentación da competición. A Natación Artística en Galicia está en continuo crecemento. Neste momento hai xa máis de 700 licenzas de deportistas e 12 clubs que desenvolven a súa actividade diaria nas 4 provincias. A celebración deste Campionato por Comunidades Autónomas supoñerá un novo impulso na promoción desta disciplina.