Un centenar de escolares da comarca da Coruña participa na campaña de esquí da Deputación
Un centenar de nenos e nenas dos concellos de Arteixo, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada participaron esta fin de semana na estación de esquí de Valgrande-Pajares, en Asturias, dentro da Campaña de Esquí 2025 organizada pola Deputación da Coruña. Esta actividade, que vai pola súa segunda quenda anual, está dirixida a rapazada de 11 a 15 anos e busca combinar deporte, aprendizaxe e diversión.
A Deputación destaca que a campaña de esquí ten como obxectivo achegar esta disciplina á mocidade da provincia da Coruña, proporcionando formación con monitores profesionais nun ambiente seguro e divertido. "A idea é que os nenos e nenas se inicien ou melloren as súas habilidades no esquí ao mesmo tempo que participan noutras actividades deportivas e culturais complementarias", explicou o deputado de Deportes, Antonio Leira. Segundo indicou, este ano un total de 600 escolares gozarán desta experiencia.
Aínda que as condicións meteorolóxicas non foron ideais e a estación contaba con pouca neve, os participantes tiveron a oportunidade de practicar esquí e de desfrutar doutros xogos e iniciativas culturais organizadas para completar a súa experiencia na neve. "A resposta da rapazada foi moi positiva, demostraron entusiasmo por aprender e desfrutar das actividades programadas", engadiu Leira.
A terceira quenda desta campaña terá lugar esta mesma semana, cando un novo grupo de nenos e nenas das comarcas de Ferrolterra e Ortegal viaxe á estación de Valgrande-Pajares. Con esta programación, a Deputación reafirma o seu compromiso coa promoción do deporte entre os máis novos, ofrecendo unha alternativa lúdica e educativa durante os meses de inverno.
"Este tipo de iniciativas non só fomentan a práctica deportiva, senón que tamén son unha oportunidade para que os rapaces e rapazas coñezan novos lugares e compartan experiencias con compañeiros doutras localidades, enriquecendo así o seu desenvolvemento persoal", sinalou o deputado de Deportes.
A campaña de esquí, que forma parte da ampla oferta deportiva anual da Deputación da Coruña, converteuse nunha actividade consolidada que cada ano suma máis participación e contribúe a espallar o interese polo deporte e a vida activa entre a mocidade da provincia.