Un auditorio a medio reformar deixa sen escenario ao CIFP Imaxe e Son

ACoruñaXa
A dirección do centro de Someso alerta de que a aula-teatro leva dous anos inutilizada e pide á Consellería que desbloquee a obra, parada tras apareceren problemas estruturais e un sobrecusto
A CORUÑA teatro eis
Imaxe do teatro en 2018
5 Mar 2026

O CIFP Imaxe e Son, un centro de referencia na formación audiovisual en Galicia, leva dous cursos sen poder empregar o seu auditorio, unha peza clave para as prácticas de iluminación, son, produción e realización de espectáculos.

A situación chega despois dunha intervención que, sobre o papel, buscaba modernizar e adaptar a sala ás necesidades docentes. A Xunta anunciou en novembro de 2022 a licitación dunha renovación integral do salón de actos por máis de 877.000 euros e cun prazo de execución de seis meses, incluíndo melloras de acabados, acondicionamento acústico e cambios na escena para crear unha caixa escénica con máis prestacións.

Porén, o proxecto acabou encallando. Segundo relata o director do centro, Nacho Romero, a obra iniciouse e axiña quedou paralizada ao detectarse deficiencias non previstas. 'Cando comezaron, viron que había uns problemas estruturai e paralizaron esa obra', explica na conversa mantida con este medio. Romero resume o impacto práctico nunha frase que se repite no centro desde entón: 'arrancaron con todo: butacas, escenario... e agora si que non se pode utilizar en absoluto'.

A dirección sinala que o parón está a ter efectos directos na aprendizaxe do alumnado, ao limitar ensaios e prácticas técnicas que normalmente se desenvolven nun espazo dotado para o traballo escénico. O centro imparte, entre outros, ciclos superiores vencellados á produción e realización de proxectos audiovisuais e espectáculos, así como á iluminación e ao son.

Romero asegura que, mentres non hai unha saída clara, a escola mantén a presión institucional para obter respostas. 'Reclamamos cada pouco tempo á Consellería', indica, e engade que están 'á espera de que haxa algunha reacción'. O obxectivo, subliñan desde a directiva, é recuperar canto antes un equipamento esencial para unha FP que pretende estar pegada á realidade profesional.

A situación tamén deixa unha lectura política e administrativa. Nunha nota de abril de 2025, a Xunta incluíu 'a reforma do salón de actos do Centro Integrado de FP Imaxe e Son' entre as intervencións xa finalizadas na cidade. Desde o centro, con todo, insisten en que a sala continúa pechada e sen uso posible, á espera de que se resolva o conflito técnico e económico que freou a execución.

0.1259229183197