Un atropelo nas inmediacións do CEIP Novo Mesoiro reabre o debate sobre a seguridade nos accesos escolares

ACoruñaXa
O incidente produciuse o venres 12 de decembro e as entidades piden pasos elevados nos tres accesos, control efectivo da velocidade e presenza policial nas entradas e saídas do alumnado
A CORUÑA ceip novo mesoiro
16 Dec 2025

A ANPA Monte do Muiño e a Asociación de Veciños de Novo Mesoiro advertiron este martes dun novo episodio de inseguridade viaria na contorna do CEIP Plurilingüe Novo Mesoiro, despois de que un menor fose atropelado o pasado venres, 12 de decembro de 2025, nun dos pasos de peóns que dan acceso ao centro.

As dúas entidades sosteñen que o sucedido non é un feito illado, senón a consecuencia dunha problemática que, segundo lembran, levan tempo denunciando por considerar que supón un risco diario para alumnado, familias, profesorado e residentes. Aseguran que, neste caso, non houbo consecuencias irreparables, pero insisten en que o episodio confirma a necesidade de actuar sen máis demoras.

Entre as medidas que consideran 'imprescindibles e inaplazables', reclaman a instalación inmediata de pasos de peóns elevados nos tres puntos de acceso ao colexio, unha redución 'real e efectiva' da velocidade no entorno escolar e a presenza de Policía Local nas horas de maior afluencia, coincidindo coa entrada e a saída das clases.

Segundo detallan, o mesmo venres trasladaron oficialmente os feitos ao Concello da Coruña e solicitaron con carácter urxente reforzo policial nos horarios clave. A comunidade educativa e veciñal remata o comunicado cun chamamento ás administracións competentes para que o ocorrido sirva de aviso e non se repita 'ata converterse nunha traxedia'.

⚙ Configurar cookies
0.089303016662598