Últimos días para inscribirse na presentación da Biografía de Bebeto en Ordes

Os afeccionados e afeccionadas ao fútbol teñen unha cita marcada en vermello en Ordes. O vindeiro sábado 29 de novembro, ás 18.00 horas, a Casa da Cultura acollerá a presentación da biografía autorizada do mítico dianteiro do R.C. Deportivo da Coruña, baixo o título 'Bebeto. El hombre que acunó el gol'. Acompañado polo autor, o xornalista deportivo Alexandre Centeno, Bebeto compartirá coa afección ordeá e coa comarca as vivencias que marcaron a súa carreira deportiva e persoal.
Por cuestións organizativas, tanto para a distribución do espazo como para planificar a sinatura de exemplares, o Concello de Ordes solicita que as persoas que teñan previsto asistir cubran previamente o formulario de inscrición dispoñible. O consistorio lembra que se trata dos últimos días para anotarse e anima a formalizar a reserva canto antes para garantir praza e facilitar o correcto desenvolvemento do acto.
A obra 'Bebeto. El hombre que acunó el gol' repasa a traxectoria dun futbolista imprescindible na historia recente do Deportivo e da selección brasileira. O libro percorre desde a infancia do xogador en Baía (Brasil) ata episodios tan relevantes como a súa participación en mundiais, entre eles o de Francia 98. Cun enfoque que combina a vertente humana e a deportiva, a biografía amosa un Bebeto completo, incluíndo tamén o seu compromiso político e social, a través de testemuños de familiares, amizades e compañeiros de vestiario como Romario, Donato, Fran ou Mauro Silva, entre outros.
O volume está asinado por Alexandre Centeno, xornalista de longa traxectoria no ámbito da información deportiva e actual presidente da Asociación Galega de Xornalistas Deportivos (Agaxorde). A publicación ten 208 páxinas, das que 32 corresponden a un caderno fotográfico con imaxes, algunhas delas inéditas, procedentes do arquivo familiar do propio Bebeto. Desde o Concello de Ordes subliñan que se trata dunha oportunidade única para revivir en primeira persoa a historia dunha lenda do Súper Dépor e compartir con el unha tarde inesquecible.